Skip to main content

XuvenCiencia lanza un Campus en Rede do 29 de xuño ao 3 de xullo

Un dos obradoiros do Campus de Verán en Rede afonda sobre o reloxo solar
Un dos obradoiros do Campus de Verán en Rede afonda sobre o reloxo solar
O alumnado de 4º de ESO e Bacharelato interesado en participar en calquera dos cinco proxectos colaborativos propostos pode inscribirse en liña desde o luns 8 de xuño na web de XuvenCiencia
Lugo

O Campus de Verán XuvenCiencia 2020 será un campus en rede, que non virtual, xa que os proxectos propostos resultan “moi tanxibles” e requirirán traballo de campo, segundo afirman os promotores da oitava edición dun campamento científico que sortea as limitacións derivadas da pandemia cunha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de Galicia e España, que se desenvolverá do 29 de xuño ao 3 de xullo. A mocidade interesada en participar en cinco proxectos relacionados coa actual conxuntura sociosanitaria, na que cómpren reflexións sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas, poden formalizar xa a súa inscrición a partir do luns no formulario en liña habilitado na web de XuvenCiencia.

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede desenvolverá cinco proxectos: Plantifícate!, que chama a descubrir a biodiversidade da contorna e a identificar as especies máis acaídas e adaptadas ao noso territorio; Leva a auga ao rego, que aprenderá a delimitar unha conca fluvial e a que os rapaces/zas realicen medicións de caudal nunha corrente de auga próxima á súa casa, serán dúas destas propostas. Asemade, Somos o que comemos? reflexionará sobre a orixe dos alimentos que poñemos á mesa, a pegada de carbono, o seu transporte e as ideas preconcibidas sobre o medio rural, mentres que Ti e o tempo dará instrucións para construír un reloxo solar e descubrirá todo o que se pode medir con el e como o horario solar inflúe nas nosas vidas. O quinto dos proxectos, Como quen oe chover, abordará a fraseoloxía relacionada co clima e o tempo, analizará a súa pegada na cultura pop e viaxará na historia para comprobar que efectos tiveron na sociopolítica e nas artes. Cada un destes proxectos ofertará entre 30 e 40 prazas.

Como novidade nesta edición excepcional, XuvenCiencia creará un Obradoiro de Medios no que os propios estudantes de secundaria darán os primeiros pasos no eido do xornalismo científico. As xuvenreporteiras/os do Obradoiro e Medios terán como encarga elaborar informacións dos diferentes proxectos e entrevistarán os seus compañeiros, o profesorado responsable e os monitores/as. Estes contidos encherán o magacine XuvenCiencia e difundiranse a través das redes sociais. As prazas ofertadas para o Obradoiro de Medios son un máximo de 10.

Programa e Xuventardes Lumieira

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede comezará o luns, 29 de xuño, coa apertura oficial das actividades e unhas sesións nas que o profesorado explicará as tarefas e comezará unha toma de datos que se prolongará durante toda a xornada do martes. Nos casos nos que coincidan varias persoas matriculadas na mesma localidade ou contorna, anímase aos xuvencientíficos a que formen pequenos grupos para o traballo de campo. O mércores será día de análise de resultados e o xoves, de preparación das comunicacións científicas en grupos. Xa o venres terá lugar a posta en común de resultados de todos os proxectos, ademais dun relatorio interactivo de clausura.

A A.D.C. Lumieira preparará para esta edición en rede novas actividades colaborativas e de lecer, adaptadas á situación de distancia, ás que a rapazada matriculada se poderá sumar voluntariamente nos seráns. As Xuventardes Lúdicas Lumieira propoñen actividades individuais e/ou colectivas de tempo libre, deportivas, de exercicio físico, de lecer, na natureza... Os xogos e tarefas deseñados terán como obxectivo a interacción entre os/as asistentes e cumprirán o propósito de crear un espírito de comunidade, malia ao obrigado distanciamento social e a que cadaquén estea na súa localidade.

A coordinadora do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez, comenta que o programa deste Campus de Verán en Rede ten en conta as opinións do voluntariado, as familias e estudantes consultados nunha enquisa previa. “Moitos insistían en que unha das mellores cousas do Campus de Verán XuvenCiencia son as amizades e o ambiente que se crea. Por iso a nosa proposta é En Rede, non un seminario on-line máis”, salienta Novo, para logo engadir que a actividade proposta convida aos participantes a saír fóra, coñecer a súa contorna e a formar pequenos grupos en función da dispoñibilidade.

“Queremos tecer ligazóns para a investigación, que pode e debe facerse de xeito colaborativo e cos ollos ben abertos ao que temos máis preto de nós”, incide a coordinadora de XuvenCiencia e deste campus en rede, unha iniciativa organizada co apoio do Campus Terra da USC, a Deputación de Lugo, o grupo Aresa e a iniciativa Proxéctate en Galego, do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

The contents of this page were updated on 06.05.2020.