Skip to main content

Novas vías de aproveitamento da enerxía fotovoltaica

Posta de sol nunha paisaxe verde
Unha investigación desenvolvida en Ciencias explora novas posibilidades en autoabastecemento enerxético e o aproveitamento da enerxía fotovoltaica. Foto: Pixabay
Unha investigación da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC deseña un novo material con nanopartículas de ouro apto para recubrimento de superficies que permite a produción de enerxía eléctrica
Lugo

Unha investigación desenvolvida na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC vén de abrir unha nova espita cara ao autoabastecemento enerxético e o aproveitamento da enerxía fotovoltaica emanada da radiación solar, un avance que vai na liña da crecente demanda de enerxía para uso doméstico e industrial e do progresivo desenvolvemento de fontes de enerxía renovables como é a solar.

A principal achega das pescudas desenvolvidas neste eido que centran a temática da tese de doutoramento que vén de presentar a profesora da Universidade Nacional de Costa Rica María Lisbeth Jiménez Carrillo, consiste no deseño e na caracterización dun material que incorpora á súa composición nanopartículas de ouro e que resulta axeitado para utilizar como recubrimento de calquera estrutura, como se se tratara dunha pintura condutora que posibilita a produción de enerxía eléctrica.

A tese de doutoramento realizada por María Lisbeth Jiménez Carrillo baixo a dirección dos profesores da USC Francisco José Fraga López e Eugenio Martínez Nuñez, constitúe un primeiro chanzo dunha liña de investigación máis ambiciosa e que precisa de novos avances para poder chegar á súa aplicación industrial, segundo precisa o profesor Fraga López, quen, sen embargo, precisa que este novo material permite reducir máis da metade os custos de aproveitamento da enerxía solar respecto das tradicionais placas solares.

O material resultante das pescudas realizadas por Jiménez Carrillo no marco da súa investigación de doutoramento presenta importantes vantaxes respecto dos paneis solares fotovoltaicos, xa que se pode aplicar sobre calquera superficie e en calquera lugar, tales como paredes de edificios, columnas, tellados, farois… Ademais, este material válido para recubrimentos ten tamén a capacidade de impermeabilización fronte ás inclemencias do tempo, explica o tamén decano da Facultade de Ciencias da USC.

O profesor Fraga López explicou que o novo composto obtido é un material illante á vez que condutor, xa que as partículas de ouro están dispersas nun matriz dun polímero illante semellante aos pegamentos comerciais dos compostos que se acostuman empregar para pegar materiais chamados a soportar pesos ou esforzos considerables. O decano da Facultade de Ciencias da USC lembrou asemade que vinculación desta investigadora centroamericana co Campus Lugués naceu hai anos nunha acción formativa sobre aproveitamentos biolóxicos de calorimetría impartida por Fraga López na Universidade Nacional de Costa Rica e na que participaron estudantes e investigadores deste país e de Panamá. De feito, engade, este primeiro contacto propiciou que Jiménez Carrillo completara unha estadía de investigación durante tres anos no Campus de Lugo da USC, onde desenvolveu parte da tese de doutoramento que logo remataría no seu país.

Nanopartículas de ouro

As nanopartículas de ouro empregadas nesta investigación foron sintetizadas por redución química in situ dentro da resina diglicil éter de bisfenol A (BADGE n=0) e utilizouse m-xililendiamina(m-XDA) como axente entrecruzante. Ao material nanocomposto avalióuselle a dispersión e o tamaño das nanopartículas mediante microscopía electrónica de transmisión (TEM), seguimento da reacción mediante calorimetría diferencial (DSC), estudo da degradación do material en función da temperatura de utilización mediante un analizador termogarvimétrico (TGA), ademais de propiedades dieléctricas, mecánicas e dinamicomecánicas. O nanocomposite resultante presentou unha boa dispersión e mantivo as propiedades mecánicas da matriz mellorando a súa condutividade, como consecuencia das propiedades do ouro a escala nanométrica.

Tribunal da tese e cualificación

O xurado encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada de xeito telemático por María Lisbeth Jiménez Carrillo baixo o título ‘Deseño de nanocomposite resina epóxica/nanopartículas de ouro con potencial aplicación en placas solares para o seu aproveitamento enerxético’ estivo presidido polo catedrático de Física Química da Universidade de Vigo José Luis Legido Soto. Ramón Pedro Artiaga Díaz, catedrático dos materiais e enerxía metalúrxica, enxeñaría naval e industrial da Universidade da Coruña, e o tamén catedrático da USC José Blanco Méndez, completaron a composición dun xurado que deu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación de doutoramento presentada por Jiménez Carrillo.

María Lisbeth Jiménez Carrillo, nun laboratorio
María Lisbeth Jiménez Carrillo, nun laboratorio
The contents of this page were updated on 06.15.2020.