Skip to main content

Antón Costa Rico, premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na USC

Antón Costa, imaxe de arquivo
Antón Costa, imaxe de arquivo
O xurado, reunido este mércores 1 de xullo, destacou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social ao longo de corenta e catro anos de docencia na Facultade de Ciencias da Educación na USC, así como noutras iniciativas pedagóxicas e sociais.
Lugo, Santiago de Compostela

O xurado da terceira edición do Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela decidiu conceder por unanimidade este premio a Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Ciencias da Educación desta universidade.

O xurado, reunido este mércores 1 de xullo, destacou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social ao longo de corenta e catro anos de docencia na Facultade de Ciencias da Educación na USC, así como noutras iniciativas pedagóxicas e sociais. Entre elas, o ditame destacou “as que toman como referencia unha docencia universitaria sustentada en e por materiais escritos en lingua galega; a súa densa e intensa investigación histórico-educativa, cunha abundante e recoñecida produción científica en lingua galega”. Igualmente, na concesión do premio valorouse as responsabilidades institucionais do profesor Costa Rico como decano da Facultade de Ciencias da Educación, director do Instituto de Ciencias da Educación, presidente da Sociedade Española de Historia da Educación, “o seu continuado labor de elaboración, coidado e promoción do patrimonio escolar e educativo ou a sensible e activa implicación na renovación pedagóxica a través do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega nunha primeira etapa e posteriormente coa Nova Escola Galega”.

A entrega do premio, que lembra a figura do profesor da cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, terá lugar nun acto público de máximo nivel que se desenvolverá no Paraninfo da Universidade o día 16 de setembro de 2020, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego de que se ten constancia que foi pronunciada nese mesmo lugar o 16 de setembro de 1915 polo profesor Porteiro Garea.

 

The contents of this page were updated on 07.01.2020.