Skip to main content

O reitor da USC e o presidente da Deputación de Lugo salientan o “enorme retorno social” da inversión en educación

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Antonio López, José Tomé, Ana González Abelleira e Pablo Rivera, no Pazo de San Marcos de Lugo
De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Antonio López, José Tomé, Ana González Abelleira e Pablo Rivera, no Pazo de San Marcos de Lugo
A USC e a Deputación Provincial de Lugo renovan o convenio, a través do que a administración provincial achega no presente curso 380.000 euros para “a promoción, fortalecemento e desenvolvemento” do campus lugués
Lugo

A Deputación Provincial de Lugo achega 380.000 euros para o desenvolvemento de actividades e actuacións de carácter docente e de  I+D+i  orientadas a favorecer a captación de alumnado e a promoción da sede universitaria luguesa, segundo se recolle no convenio de colaboración asinado este xoves no lugués Pazo de San Marcos, entre o presidente do ente provincial, José Tomé Roca, e o reitor da USC, Antonio López, no marco dunha sesión na que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, así como os deputados provinciais Pablo Rivera e Ana González Abelleira, e no que se puxo de manifesto “o enorme retorno social que depara a inversión en educación e, nomeadamente, na universidade pública”.

Os obxectivos da achega financeira prestada pola Deputación Provincial á sede universitaria luguesa para o presente curso académico 2019-2020 son amplos e abranguen desde cuestións ligadas a garantir a calidade do ensino dos estudantes universitarios a través da realización de prácticas e de programas de formación especializada (másters), plans de mellora de infraestruturas docentes e de I+D, así como de extensión universitaria, captación de alumnado e promoción exterior de títulos, consolidación de estruturas científicas e de transferencia de coñecemento ou mesmo apoio á organización de accións orientadas á divulgación, intercambio científico e retención do talento.

A progresiva internacionalización do Campus de Lugo, o impulso da dixitalización do seu labor docente e de investigación e o apoio a programas de emprendemento e de creación de empresas innovadoras figuran tamén entre os cometidos recollidos no convenio entre as dúas administracións, un acordo que se mantén estable ao longo dos últimos anos e a través do que se mellora a eficiencia na xestión pública a través da utilización conxunta de medios e servizos públicos,  segundo subliñou o presidente da Deputación Provincial de Lugo.

Sensibilidade e rendibilidade social

O reitor Antonio López manifestou de xeito público a gratitude da USC pola sensibilidade mostrada pola Deputación Provincial de Lugo co seu campus universitario a través da renovación da sinatura dun acordo do que salientou a súa “rendibilidade social”. López remarcou neste senso que a educación e o I+D deben entenderse como inversión e non como gasto para, de seguido, subliñar o importante retorno que reporta á sociedade luguesa o seu campus universitario, ao que constatou que “a universidade pública segue a ser un dos factores de maior nivelación social”.

A pegada do campus de Lugo na sociedade que o acolle, sinalou López, ten repercusións directas na súa actividade económica, ao tempo que contribúe á dinamización dos ritmos sociais e culturais e, nunha fase posterior, á actividade empresarial. “A Universidade ten sempre un gran impacto na vida de calquera cidade”, sentenciou o reitor, para logo facer fincapé nas múltiples contribucións que reporta a formación e a transmisión de coñecemento, así como a actividade investigadora e de emprendemento na modernización e no desenvolvemento dos diversos sectores produtivos. “A inversión na universidade pública é unha fórmula apropiada para a redistribución da riqueza entre a sociedade”, sinalou o reitor.

A incidencia do Campus de Lugo no sector primario, que é capital na provincia de Lugo, está visible tanto no perfil das súas titulacións de grao e posgrao como no proxecto de especialización do Campus Terra, dixo o reitor, para logo engadir que a granxa experimental de vacún de leite entrará en funcionamento en breve na finca da Gayoso Castro da Deputación Provincial de Lugo, reforzará aínda máis as ligazóns a transferencia de coñecemento desde a sede universitaria luguesa a gandeiros, agricultores, propietarios de montes e a todo o tecido empresarial.

“Investir en educación é investir en futuro”, declarou o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, na renovación dun convenio entre ambas administracións que se mantén vixente desde 2014 e que, entre outros cometidos, precisou “tamén pretende contribuír a potenciar a condición universitaria da cidade de Lugo e da súa provincia, que entre outras moitas cousas, tamén destaca pola súa universidade”.

Alén do financiamento arbitrado a través deste acordo, Tomé lembrou tamén outras actuacións nas que a Deputación achega financiamento á USC para o seu campus de Lugo, unha colaboración aliñada tamén co obxectivo da goberno provincial de avanzar cara o desenvolvemento sostible a innovación no medio rural”, porque “Lugo é unha provincia eminentemente rural”, dixo.

The contents of this page were updated on 07.02.2020.