Skip to main content

Jorge Mira recibe o primeiro Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega de Ciencias

Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física
Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física
Os galardóns serán entregados este martes na mesma cerimonia na que tamén se concederán os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, un deles para o equipo Paraquasil
Santiago de Compostela

O catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física Jorge Mira acaba de ser recoñecido co primeiro Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). O premio recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, “cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles”, entre outros a través de libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademais da organización de todo tipo de actividades para o gran público.

“Para min é todo un honor ser recoñecido por unha institución do peso da RAGC e ademais na primeira edición do premio”, manifestou Jorge Mira este luns. O catedrático da USC quixo trasladar o seu agradecemento á RAGC por ter instituído este galardón, “xa que Galicia é unha das comunidades autónomas máis ricas de España en actividades de comunicación da ciencia”. “Nestes momentos é inevitable botar a vista atrás e facer balance, para lembrar como empecei hai máis de 20 anos a facer as miñas primeiras achegas neste eido, como algo puntual, e ao final, dende aquela non parei”, explica Mira. “Tamén é inevitable lembrar o panorama da divulgación científica que había en Galicia a finais dos anos 90, que é moi diferente do que hai agora”, concluíu.

Currículo
Jorge Mira Pérez comezou a súa actividade divulgadora a finais dos anos 90, en paralelo co seu labor investigador, académico e de xestión. A longo deses máis de vinte anos de xeito intenso e ininterrompido ten abordado unha ampla variedade de formatos. Centos de pezas, entre artigos e unha columna fixa sobre ciencia en La Voz de Galicia; máis de 1000 emisións en radio das súas seccións de divulgación, sobre todo na Radio Galega; ou 2500 seccións ou programas completos de televisión, sobre todo na TVG, son algúns dos números que integran a traxectoria deste catedrático da USC. Ademais, Jorge Mira é o impulsor do Programa ConCiencia, organizado pola USC coa colaboración do Consorcio de Santiago e que trae á cidade a persoeiros da máxima relevancia científica, todos eles Premios Nobel ou equivalentes. Mira é tamén fundador e promotor de diversas iniciativas como a Nerd Nite,  e varias de observación astronómica na Costa da Morte dende 2003. 

Ademais, é autor de libros con altos números de vendas; editor, tradutor, coordinador ou promotor doutros. “Algo que caracteriza algunha das áreas do meu labor divulgativo é que ten servido para a creación e promoción de novos divulgadores”, apunta. Mira encárgase da dirección da colección de divulgación científica da editorial da USC e ten sido comisario de exposicións como ‘Un mar de xenios na Fin da Terra’, a máis vista en Galicia en 2013. As súas seccións en televisión e radio para toda Galicia foron as primeiras da historia do audiovisual galego.

Premios de Transferencia
Estes galardóns foron entregados este martes nunha cerimonia que tivo lugar en Santiago de Compostela, na que tamén foron concedidos os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, convocados tamén conxuntamente pola RAGC e a Axencia Galega de Innovación (GAIN). Nesta modalidade resultou premiado o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC (Paraquasil), co premio “Fernando Calvet Prats” por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial.  

Este equipo presentou un proxecto baseado nun verniz de uñas medicamentoso para o tratamento de micoses ou psoriases ungueais, que mellora a eficacia con respecto aos tratamentos tópicos comerciais existentes. “O verniz xurdiu dunha liña de investigación que iniciamos en colaboración coa profesora Begoña Delgado Charro da Universidade Inglesa de Bath e coa participación do Profesor da USC José Luís Gómez Amoza do Grupo I+DFarma, co obxectivo de empregar técnicas avanzadas para a caracterización microestructural das unllas”, explica o profesor da USC e decano da Facultade de Farmacia, Francisco Otero Espinar. “Avanzando nesta liña, comezamos a estudar alternativas para mellorar a penetración dos principios activos na unlla co obxectivo de mellorar a súa actividade”, continúa. 

Completando esta categoría, a spin-off da Universidade de Vigo RelEYEble recolleu o premio “Ricardo Bescansa Martínez” como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía; o grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o premio “Francisco Guitián Ojea” á mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial.

Premio de Xornalismo Científico
O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, dotado con 3.000 euros netos e convocado conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), foi recollido por Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada “Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán”, publicada o 30 de outubro de 2019. O accésit deste premio, dotado con 1.000 euros, correspóndelle ao segundo traballo mellor valorado, titulado “A aposta científica das aulas galegas”, asinado por Selina Otero e publicado o 15 de decembro de 2019 no xornal Faro de Vigo.

Acto de entrega de premios da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC)
Acto de entrega de premios da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC)
The contents of this page were updated on 07.15.2020.