Skip to main content

As tres universidades galegas asinan o seu compromiso coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable da ONU

Campus Vida
Campus Vida
USC, UDC e UVigo asinaron este mércores unha declaración na que manifestan o seu compromiso coa construción de comunidades locais e globais con maior cohesión e xustiza social, equidade, benestar e sustentabilidade ambiental.
Lugo, Santiago de Compostela

As tres universidades públicas de Galicia asinaron este mércores na Facultade de Xeografía e Historia da USC unha declaración institucional na que se comprometen coa Axenda 2030 das Nacións Unidas e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable. Estas metas constitúen o principal marco de resposta colectiva da humanidade aos grandes retos globais definindo as transformacións necesarias para construír comunidades locais e globais con maior cohesión e xustiza social, equidade, benestar e sustentabilidade ambiental.

Xunto ao reitor Antonio López, tomaron parte no acto de sinatura a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella; o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela; así como Pilar García de la Torre, vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña; José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo; e Jesús María Gamallo Aller da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A declaración subliña que o Planeta enfróntase a “tres desafíos globais que non entenden de fronteiras, como son a pobreza, as desigualdades e a crise ecolóxica. Estas realidades poñen en risco a sustentabilidade e continuidade da vida e demandan cambios nos nosos estilos de vida e modelos de produción e consumo para conseguir un mundo máis xusto e sustentable”, afirma. Para paliar esta situación, USC, UDC e UVigo traballarán “conxuntamente e con fidelidade ao seu compromiso e corresponsabilidade na promoción do desenvolvemento das sociedades e contorna nas que estamos arraigadas”.

“Con esta Declaración sumámonos ao movemento global que traballa en man común e comparte a necesidade de actuar para construír sociedades pacíficas, xustas, democráticas e inclusivas que respectan e promoven os dereitos humanos, que non deixan a ningunha persoa atrás, que poñen fin á fame e á pobreza en todas as súas formas, que garanten a dignidade e igualdade das persoas e que protexen os recursos naturais do noso Planeta e o clima para as xeracións futuras asegurando as oportunidades necesarias para podermos levar vidas prósperas e satisfactorias en harmonía coa natureza”, afirma o manifesto.

De esquerda a dereita, Dulce García, Pilar García, Antonio López, José L. Míguez, Alfonso Rueda e Jesús Gamallo. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Dulce García, Pilar García, Antonio López, José L. Míguez, Alfonso Rueda e Jesús Gamallo. Foto: Santi Alvite

Oito compromisos

Reforzar a incorporación de maneira transversal dos principios, valores e obxectivos do desenvolvemento sustentable á gobernanza, planificación e xestión das tres Universidades é o primeiro dos oito obxectivos que integran esta declaración institucional. Alén diso, o documento contempla a necesidade de que as tres institucións favorezan a inclusión na formación de toda a comunidade universitaria aquelas competencias relacionadas co desenvolvemento sustentable, equitativo e inclusivo necesarias para a construción dunha cidadanía global activa, crítica e comprometida coa transformación social positiva.

Promover a xeración e transferencia de coñecemento ao servizo do desenvolvemento sustentable e a visión da Axenda 2030; impulsar e apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores que afronten os retos da Axenda 2030 a nivel local e global; ou apoiar ao sector produtivo na consecución dos principios e fundamentos da economía circular no marco da transición ecolóxica, son outros dos retos que formula este manifesto.

Asemade, USC, UDC e UVigo comprométense a reforzar o vínculo con outros axentes sociais para a creación e consolidación de alianzas inclusivas nos ámbitos da formación, investigación, transferencia e gobernanza universitaria; así como a fomentar as actividades de cooperación universitaria para o desenvolvemento como expresión do compromiso solidario das comunidades universitarias cos países empobrecidos ou en vías de desenvolvemento. As tres institucións comprométense tamén a reportar información sobre a realización e localización da Axenda 2030 nas respectivas Universidades.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.