Skip to main content

Formación do Profesorado, de 'matrícula'

Facultade de Formación do Profesorado da USC
Facultade de Formación do Profesorado da USC
O centro no que a USC imparte tres dos sete títulos coas notas de corte máis altas do Campus de Lugo comeza o curso con preto de 300 novos estudantes de grao e posgrado
Lugo

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC vén de completar o proceso de matrícula de estudantado nos seus títulos de grao cunhas notas de corte nunca antes rexistradas. O dobre grao de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria é, con 11,630, o título coa nota de corte máis alta da sede universitaria luguesa, mentres que Mestre en Educación Primaria, con 8,850, e Mestre en Educación Infantil, con 8,314, tamén se sitúan entre os sete graos coas cualificacións de acceso máis altas, segundo sinalou a decana Carmen Sarceda Gorgoso.

O interese que están a experimentar nos últimos anos as titulacións da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo non solo é sustentable, senón que, a tenor destas estatísticas, vai en aumento, comenta Sarceda Gorgoso, para quen “a profesión de mestre ou mestra ten desde sempre un alto compoñente vocacional”. Aínda así, engade, “para nós é unha satisfacción contar co mellor alumnado nas nosas aulas”.

A esta conxuntura positiva en termos cualitativos, cómpre sumar outro parámetro de éxito cuantitativo, como é o feito de que os tres títulos de grao completaron con creces as prazas ofertadas. Así, o dobre grao de Mestre en Infantil e Primaria, no que a USC ofrecía 16 prazas, contabiliza 18 novas matrículas. Algo semellante ocorre nos títulos de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria, graos que ofertaban 82 prazas de novo acceso e xa pecharon con 94 e 95 novas matrículas, repsectivamente.

A inercia positiva pola que transita a Facultade de Formación do Profesorado da USC tamén se percibe na oferta de títulos de posgrado ofertados neste centro: Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza e Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e ensinanza de linguas. O posgrado coordinado por Eugenio Otero Urtaza, que contabiliza preto de 60 solicitudes para o novo curso, cubrirá sen dificultades as 25 prazas ofertadas, do mesmo xeito que se agarda que o Máster en Profesorado complete tamén un ano máis o curso de 60 estudantes.

Estas cifras de matrícula en estudos de grao e posgrao, cuxo total se aproxima aos 300 estudantes, fan da Facultade de Formación do Profesorado o centro do campus de Lugo con máis alumnado. Ademais, as cifras aínda son maiores se se contabilizan as decenas de persoas que cada ano completan o Curso de Especialización en Formación Pedagóxica e Didáctica do Profesorado Técnico de FP.

 

The contents of this page were updated on 09.09.2020.