Skip to main content

XuvenCiencia amplía ata o 10 de decembro o prazo de inscrición na sexta edición das ‘Xornadas para profesorado’

Docentes, nunha edición das xornadas para profesorado de XuvenCiencia
Docentes, nunha edición das xornadas para profesorado de XuvenCiencia
O proxecto de innovación docente do Campus Terra da USC amplía ata 6 os kits desenvolvidos para facer investigación na aula a fin de espertar vocacións científicas
Lugo

O proxecto ‘XuvenCiencia. Fago, logo aprendo!’, promovido polo grupo de innovación docente do mesmo nome do campus de Lugo da USC e financiado pola Fecyt, amplía ata o 10 de decembro o prazo de matrícula na VI Xornada XuvenCiencia para Profesorado. Esta actividade está dirixida a docentes de ensino medio que desexen participar nun proxecto pioneira de transferencia científica nas aulas que esperta vocacións científicas en milleiros de adolescentes galegos desde o ano 2014.

A experiencia XuvenCiencia é enteiramente práctica e baséase en 6 kits para a investigación nas aulas desenvolvidos por profesorado de Veterinaria, Química ou Enxeñaría Agroforestal do Campus de Lugo, nunha filosofía de traballo do máis axeitada para alumnado de STEMBACH e Clubs de Ciencias, pero que pode adaptarse a calquera nivel de ensino medio, segundo apunta a profesora Mercedes Novo, coordinadora de XuvenCiencia.

A resposta á nova convocatoria da xornada de formación de profesorado está a ser boa. A alta demanda rexistrada para os kits DNA-MEAT ‘Ensaio molecular de trazabilidade animal’ provocou que xa estean esgotados os que se ofertaban cun custe reducido no 80% sobre o seu prezo orixinal. Sen embargo, XuvenCiencia decidiu poñer á disposición 5 novos kits, tamén a prezo reducido, pero cunha rebaixa algo menor.

Ao igual que o kit DNA-MEAT, o novidoso kit Fotometrix ‘Análise fotométrica’, que mide a proteína do leite, posibilita unha investigación científica moi enraizada nun territorio no que o sector lácteo é un dos motores da economía do país. Os kits Fotometrix igualmente esgotaron xa as súas existencias na primeira tirada e XuvenCiencia xa está a traballar para ofertar otros cinco máis destes equipamentos, que terán un prezo final algo menos reducido que os primeiros que se distribuíron.

Tamén existe aínda oferta do resto dos equipamentos para a convocatoria 2019/2020, xa probados con éxito en edicións anteriores, que permiten unha investigación xenuína, adaptada aos currículos de secundaria; do máis atractiva para un territorio como o galego e de vital importancia para o momento actual. Deste xeito, o kit Vitroplant permite o cultivo de árbores in vitro, AquaLab mide a humidade dos solos e rastrea o cambio climático, mentres que CSI Animal é unha introdución ao diagnóstico veterinario e Photonics Explorer inclúe actividades especificamente deseñadas para promover as vocacións científicas entre as mozas e as nenas.

Unha vez acordada a ampliación do prazo de inscrición ata o 10 de decembro, co novo axuste de datas, a primeira sesión das VI Xornadas XuvenCiencia para profesorado, cuxa homologación oficial está solicitada perante a Xunta, adíase ata o vindeiro 10 de xaneiro de 2020. Neste curso académico, como novidade, ofrécese un programa máis flexible, con actividades diferenciadas para aqueles que se suman por primeira vez á familia XuvenCiencia e para eses e esas outras docentes xa veteranos.

O proxecto XuvenCiencia incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, o proxecto desenvolvido desde o Campus Terra recibe un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnogía (FECYT), logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.