Abadín, Ponteareas e Val do Dubra son os concellos galegos que lideran diversos récords pluviométricos nas últimas dúas décadas
A choiva é un elemento moi característico dos tempos e do clima en Galicia, onde moitas localidades non lembran ningún día seco desde finais de outubro e as previsións apuntan a que as precipitacións continuarán ao longo de todo o mes de novembro, unha situación que provocará que moitas localidades superen os seus récords de xornadas chuviosas consecutivas. Estas e outras curiosidades pluviométricas en Galicia aparecen recollidos na obra ‘Os tempos e o clima en Galicia’, un volume do que son autores dos profesores de Xeografía Física da USC Alberto Martí e Dominic Royé, xunto co meteorólogo Juan Taboada e o xornalista Xavier Fonseca, e no que, logo de analizar as precipitacións rexistradas en Galicia ao longo das dúas últimas décadas, se conclúe que Abadín, Ponteareas e Val do Dubra son algúns dos concellos galegos que lideran diversos récords pluviométricos.
A estatística de maior número de días de precipitacións nun só ano sitúa en cabeza ao municipio de Val do Dubra, cuxa estación meteorolóxica de Paramos, rexistrou en 2008 273 días de precipitacións, o 75% dos días do ano. Outras localidades de Abadín, Zas, Carballo, Baleira ou Lourenzá viron chover ao redor do 70% dos días dalgún dos anos destas últimas dúas décadas.
Unha análise dos datos de días de precipitacións (considerando día de precipitación aquel no que se recolleron máis de 0,1 mm) no período de referencia, outorga este récord á estación meteorolóxica da Granxa (Ponteareas), onde estivo a chover durante 54 xornadas consecutivas, entre o 28 de novembro de 2000 e o 20 de xaneiro de 2001, no que está considerado como un dos outonos-invernos máis chuviosos de todo o século XX en Galicia. En Santiago bateuse tamén outro récord, aínda non superado, con 46 días de choiva continuos. Noutras dúas ocasións Ponteareas superou as 50 xornadas consecutivas con precipitación, entre o 18 de outubro e o 9 de decembro de 2008, e entre o 19 de setembro e o 8 de novembro de 2006. Noutras localidades como Maceda, Forcarei, Val do Dubra, Meis, Poio, Forenlos de Montes ou Coristanco tamén se bateron récords galegos de días consecutivos de precipitación, con secuencias que superaron os 42 días.
A maior media de días de precipitación anual ten lugar no norte de Lugo, no concello de Abadín. Os seus dous observatorios, Fragavella (589 m) e Labrada (641 m), rexistran unha media de 230 e 216 días de precipitación ao ano. É dicir, entre o 63 e o 59% dos días do ano prodúcense precipitacións en forma de choiva ou neve. Outras localidades das mariñas setentrionais como Viveiro e Ortigueira, ou próximas ao litoral atlántico, como Val do Dubra, Zas ou Carballo, ven tamén chover moitos anos máis da metade dos seus días. No outro extremo atópanse diversas localidades do sudeste de Ourense e da comarca de Valdeorras, tales como Verín, Viana do Bolo, Rubiá, Larouco ou Carballeda, onde se rexistra unha media anual ao redor de 120 días de precipitación ao ano.
O mapa de precipitacións denota que existe unha gradación e unha diminución progresiva dos días de precipitación entre as comarcas do norte e noroeste de Galicia, onde a frecuencia é maior, e as do sur e leste de Ourense. O val do Sil, o fondo do val do Bibei, as comarcas de Valdeorras e do Bolo, A Mezquita ou as depresións de Verín, Monforte e Ourense son as que gozan dun maior número de días con ausencia de precipitación. O seu maior afastamento do Atlántico e do Cantábrico, así como o efecto de sombra pluviométrica que exercen as montañas circundantes son os responsables desta menor frecuencia de días chuviosos.
As comarcas setentrionais das provincias de Lugo e A Coruña están máis expostas ás frontes e fluxos húmidos oceánicos que orixinan días de precipitación. A maior frecuencia ten lugar nas áreas de montaña próximas ao litoral cantábrico. Nelas queda retida unha abundante nebulosidade cando teñen lugar situacións do Norte, Noroeste e Nordeste. É especialmente no verán cando as persistentes situacións do Nordeste xeran nebulosidade e precipitacións febles no terzo norte, mentres que o resto de Galicia goza de días asollados e secos, segundo se recolle no libro editado por Xerais.
Outras curiosidades
Alén de coñecer récords climáticos acadados en Galicia, cales son os lugares de máis calor e máis frío, que zonas gozan dun maior número de horas de sol, cales teñen maior nebulosidade, o como afecta o cambio climático a Galicia, o libro ‘Os tempos e o clima en Galicia’ achega outras moitas curiosidades.
Escrito nunha linguaxe sinxela, acompañada por un abundante apoio visual formado por mapas, imaxes de satélite e de radar, gráficos, debuxos e fotografías, esta obra ofrece, sempre de forma didáctica e rigorosa, respostas a moitas preguntas relacionadas co clima de Galicia e aos diversos tipos de tempo que o caracterizan. Nas súas páxinas explícase como se producen os fenómenos meteorolóxicos máis habituais no noso territorio, como as inversións térmicas, as néboas costeiras e orográficas, as illas de calor urbanas, os tipos de precipitación, o efecto foehn, as brisas mariñas, etc. A través de exemplos concretos, analízanse tamén os riscos climáticos que afectan regularmente a Galicia, como ondas de calor, temporais de neve, cicloxénesis explosivas e temporais de choiva e vento, tormentas, secas, tornados, etc. Tamén pódese coñecer como está a cambiar o clima de Galicia debido ao quecemento global, e cales son os escenarios de futuro.
Portada do libro