Skip to main content

A Facultade de Ade acolle este xoves a fase luguesa do Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato

Entrada da Facultade de Administracion e Dirección de Empresas do Campus de Lugo
Entrada da Facultade de Administracion e Dirección de Empresas do Campus de Lugo
O certame promovido polo Colexio de Economistas de Lugo comeza ás 17.00 horas e contará con equipos dos Ies Daviña Rey e A Pinguela e do Centro Educativo Galén
Lugo

O Colexio de Economistas de Lugo celebra este xoves, 7 de novembro, a partir das 17.00 horas, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, a fase provincial da primeira edición do Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato, un certame no que participarán tres equipos formado cada un por cinco estudantes que curan a materia de Economía nos Ies A Pinguela e Daviña Rey, de Monforte, e no Centro Educativo Galén, da capital luguesa.

O Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato é unha iniciativa impulsada coa finalidade de aproximar a importancia da economía e da función empresarial aos/as estudantes de Bacharelato. Trátase dunha fórmula atractiva e con proxección social, na que, máis alá do carácter competitivo de todo torneo, prima a formación do estudante, a investigación e o desenvolvemento de habilidades como a oratoria ou a argumentación.

Este proxecto, ligado ao Plan de Educación Financeira desenvolvido polo Banco de España e a Comisión Nacional de Mercado de Valores, ao que tamén está adherido o Consello Xeral de Economistas, busca concienciar sobre a importancia de adquirir un axeitado nivel de cultura financeira, achegar ao alumnado de Bacharelato a realidade económica e empresarial da contorna, ademais de favorecer a adquisición de habilidades necesarias para o exercicio da actividade profesional, tales como son o traballo en equipo, a negociación ou a oratoria.

O Torneo Nacional de Debate Económico en Bacharelato está estruturado en dúas fases. A competición provincial desenvólvese este xoves 7 de novembro, de 17.00 a 20.00 horas, na Facultade de Ade do Campus de Lugo, e o equipo vencedor pasará á fase final onde se enfrontará aos restantes gañadores dos colexios de economistas das demais provincias españolas. A competición da fase final terá lugar os días 26 e 27 de novembro na sede do Banco de España en Madrid.

The contents of this page were updated on 12.05.2019.