Skip to main content

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos impulsa terapia en liña para deixar de fumar

Cada ano, finan prematuramente en España máis de 50.000 persoas debido ao consumo de tabaco. FOTO: Santi Alvite
Cada ano, finan prematuramente en España máis de 50.000 persoas debido ao consumo de tabaco. FOTO: Santi Alvite
O tratamento grupal é completamente gratuíto e desenvólvese ao longo de oito semanas
Santiago de Compostela

A USC a través da súa Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos acaba de por en marcha terapia psicolóxica en liña para aquelas persoas que desexen deixar de fumar. “Estamos nunha época complicada debido á pandemia da COVID-19; por iso, adaptamos os nosos tratamentos individuais e grupais para deixar de fumar a unha versión en liña coa intención de que todos os que estean interesados, os poidan realizar dende a súa casa e dende calquera punto de España”, explica o responsable da Unidade e profesor na Facultade de Psicoloxía, Elisardo Becoña.

Cada ano, finan prematuramente en España máis de 50.000 persoas debido ao consumo de tabaco, sendo na actualidade a principal causa de mortalidade que pode evitarse. “A maioría dos fumadores saben que deben deixar de fumar polos problemas de saúde que produce o tabaco, pero tamén polo seu custo económico ou a dependencia que produce, entre outros motivos”, apunta o profesor Becoña. “Outra razón adicional para deixar de fumar neste momento é que os fumadores teñen un maior risco de sufrir o contaxio pola COVID-19 e ter maiores complicacións en caso de contraer esta enfermidade”, continúa.

 Deixar de fumar dende a casa

Este ano, debido ás circunstancias motivadas pola pandemia, a Unidade desenvolve un tratamento innovador, a nivel grupal, no que o fumador pode seguir as sesións a través dunha plataforma en liña. Iso facilita seguir a terapia dende calquera lugar de España, usando dispositivos móbiles ou computador. “Desta forma, facilitamos o acceso aos nosos tratamentos ás persoas con dificultades para poder desprazarse a Santiago de Compostela”, subliña Elisardo Becoña. “Xa non hai escusa para deixar de fumar”, engade.

Para levar a cabo o tratamento, a persoa que desexa deixar de fumar ten que solicitar participar no mesmo, someterse a unha avaliación da súa conduta de fumar, asistir de forma virtual ás sesións de tratamento —unha vez cada sete días, ao longo de oito semanas— e realizar as tarefas que se lle asignen. O tratamento grupal para deixar de fumar en liña é completamente gratuíto. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa  poden chamar ao teléfono 881 813939 ou escribir aos enderezos electrónicos elisardo.becona [at] usc.es (elisardo[dot]becona[at]usc[dot]es) e ana.lopez [at] usc.es (ana[dot]lopez[at]usc[dot]es).

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos da Facultade de Psicoloxía da USC ten a súa orixe no ano 1984, cando o profesor Elisardo Becoña comeza a tratar fumadores con distintas técnicas psicolóxicas.  Así xorde o programa para deixar de fumar que se converteu nun referente estatal e internacional no tratamento psicolóxico cognitivo-condutual para paliar esta adición e que, co paso to tempo, foi estendéndose a outras patoloxías. Nestes trinta anos de experiencia lévanse tratado máis de 15.000 fumadores.  

The contents of this page were updated on 06.22.2023.