Nace a Cátedra institucional en investigación en osteointegración e terapéutica con implantes
A Cátedra Ticare en investigación en osteointegración e terapéutica con implantes permitirá que o alumnado teña contacto coa investigación neste eido científico, fundamentalmente nas liñas de avaliación de protocolos cirúrxicos, novas modalidades de conexión alicerce-implante e novos deseños de implantes. Así o establece o convenio asinado polo reitor Antonio López e Fernando Mozo Grau, director xeral da compañía Ticare, este mércores no Colexio San Xerome.
Desenvolver e transmitir coñecementos na área científica da osteointegración, sobre todo nos seus aspectos de investigación aplicada é outra das misións contempladas no acordo asinado entre ambas as dúas entidades. No marco desta Cátedra, impulsaranse seminarios, cursos, relatorios e cantas actividades redunden na difusión deste eido, e para cuxa execución Ticare destina 30.000 euros anuais. O convenio ten unha duración de tres anos e poderá ser prorrogado por acordo unánime das partes por un período de ata catro anos adicionais. En virtude do mesmo, ofertaranse prácticas académicas externas extracurriculares.
No acto de presentación da Cátedra, o reitor Antonio López quixo subliñar que o ámbito sanitario e, nomeadamente, a biomedicina constitúe un “eixo esencial” para a USC. Con este acordo, apuntou Antonio López, “sumamos unha pedra máis a este proxecto, un elemento estratéxico da Universidade”. Pola súa parte, Fernando Mozo puxo o foco no “orgullo que supón para Ticare colaborar cunha institución que conta con máis de cinco séculos de historia”. No acto de sinatura tamén estiveron presentes o director da cátedra, Juan Blanco Carrión; o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez; e Ángel Mozo, adxunto á dirección xeral de Ticare. Os vicerreitores de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; e de Calidade, Jacobo Limeres Pose, tamén estiveron presentes no acto, xunto a unha representación de profesorado da Facultade.
Tras o acto de firma do convenio, celebrouse a primeira Comisión de Seguimento dentro da cal se aprobou o nomeamento de Juan Blanco como director da Cátedra, quen expresou “a ilusión por buscar liñas de investigación para as que é importante o apoio da empresa privada e satisfacción de ver plasmada a traxectoria de traballo co equipo de Ticare”. No mesmo acto o director da Cátedra propuxo á profesora da USC Pilar Batalla como codirectora da Cátedra.
Inserción profesional
Crear e manter un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas da Cátedra e as disciplinas con ela relacionadas; facilitar a inserción profesional dos estudantes da USC; buscar que a Cátedra se vincule cada vez máis estreitamente coa formación das promocións de Grao en Odontoloxía formadas na USC; e fomentar a colaboración entre a Universidade e o sector profesional dental conforman outras das actividades a desenvolver no marco deste convenio de colaboración. O acordo asinado este mércores permitirá asemade profundar no desenvolvemento científico das liñas de investigación nas que Ticare xa ten colaborado co Grupo de Investigación OMEQUI Odontoloxía Médico-Cirúrxica da USC.
Ticare é a marca de implantes dentais da empresa española Mozo-Grau que conta con 24 anos de experiencia en fabricación e aposta pola calidade do produto apoiándose na investigación e a colaboración permanente con hospitais, universidades e sociedades científicas.