Skip to main content

O proxecto de apoio a persoas refuxiadas UNINTEGRA celebrou a súa xornada de clausura na USC

A xuntanza de traballo celebrouse no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A xuntanza de traballo celebrouse no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
O Servizo de Relacións Exteriores coordinou esta iniciativa dende 2017 co obxectivo de facilitar a inclusión e sensibilizar ás comunidades de acollida
Santiago de Compostela

O proxecto UNINTEGRA, coordinado dende o ano 2017 polo Servizo de Relacións Exteriores, propón diferentes accións para fomentar o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida. A xornada de clausura desta iniciativa conxunta coa universidade de Minho e a universidade Nacional de Atenas celebrouse este venres 15 na USC.

No encontro participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o xefe de Servizo de Xestión Académica, Xosé Luis Braña Rey; e a coordinadora do proxecto do Servizo de Relacións Exteriores, Sonia Cordido Méndez. O obxectivo desta reunión foi afondar nos resultados obtidos dende as dúas áreas de traballo sobre as que versou a investigación: a simplificación para o recoñecemento de títulos académicos, acometida polo Servizo de Xestión Académica, e a integración social nas sociedades de acollida, desenvolvida polo grupo de investigación ESCULCA da Facultade de Ciencias da Educación.

Simplificación burocráticas
Dende o Servizo de Xestión Académica da USC, traballouse na definición dun protocolo de acreditación de competencias nacionais para simplificar o recoñecemento de títulos, a validación de credenciais e competencias académicas para nacionais de terceiros países, con especial atención ao colectivo das persoas refuxiadas. O consorcio de UNINTEGRA elaborou unha proposta, que será remitida á Comisión Europea, con tres ferramentas básicas de intervención. En primeiro lugar, propoñer a ampliación e melloras no proxecto xa existente de Pasaporte Europeo de Cualificacións para Refuxiados. Por outra banda, impulsar a creación dunha rede interactiva de contactos institucionais, universitarios e internacionais de intercambio de información e datos e a posibilidade de tomar decisións comúns. Por último, crear un único punto de acceso á información para os refuxiados, a modo dunha `ventá única europea´ para o recoñecemento académico e profesional de cualificacións de terceiros países.

A escola, elemento de cohesión
Por outra banda, dende o grupo de investigación ESCULCA da USC, baixo a coordinación da profesora Mar Lorenzo Moledo, analizouse o proceso de integración dun xeito bilateral (tanto das persoas que chegan como refuxiados como dende as comunidades de acollida). O traballo posibilitou definir unha escala de medición, inexistente ata o momento, e desenvolvida integramente pola USC, que se poderá empregar como ferramenta para outras investigacións que se realicen neste eido no futuro.

No tocante ao proceso de integración social, a escola xoga un papel fundamental como elemento de cohesión social, polo que os pais e nais deben tomar conciencia deste rol e coñecer funcionamento do sistema educativo. A involucración das familias nas ANPAS resulta clave neste proceso.

Achegar a problemática dos refuxiados á sociedade
No mes de xuño, coincidindo co Día Mundial do Refuxiado, celebrouse a ‘Semana da Integración’ coa pretensión de trasladar a problemática das persoas refuxiadas para que se tome conciencia na sociedade e se canalice cara a acción. O programa incluíu un elenco de actividades coma un ciclo de cinema sobre esta temática na Sala Numax, un obradoiro para alumnos de Secundaria, diferentes conferencias e a exposición “Éxodos” de Gabriel Tizón e Patricia Muñiz.

O proxecto pretendía facilitar a inclusión e sensibilizar ás comunidades de acollida. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 12.04.2019.