Alumnado de Ciencias da Educación sae á rúa para abordar a través de performances a construción do xénero
O alumnado da materia ‘Socioloxía da Educación’ da Facultade de Ciencias da Educación da USC abordará este luns 18, a través de diferentes performances na rúa, a construcción do xénero. A Praza do Obradoiro será ás 12.00 horas o lugar que acolla as pezas ‘Volver a nacer’, ‘O encerro’ e ‘Otra más’. A partir das 13.00 horas, na Praza da Quintana, terán lugar as performances ‘Nada es lo que parece’ e ‘Bodas de sangre’. A Rúa do Franco acollerá a peza ‘Unidas somos forza’ ás 13.30 horas, e en República do Salvador, terá lugar ás 13.35 horas a obra ‘Visible, invisible’.
Esta manifestación artística ten moitas liñas de acción pero, neste caso, o estudantado levará a cabo unha intervención urbana, creando así un asalto á rúa e procurando a comunicación entre espectador e actor. O tema co que traballarán as futuras docentes terá un carácter crítico, cuxa principal motivación será provocar un impacto visual nos transeúntes.
“O xénero están sendo actualmente un tema de debate, co que se busca xerar cambios para conseguir unha sociedade libre e igualitaria”, afirma o profesor e impulsor desta iniciativa Jorge García Marín. Partindo desta premisa, a postura do alumnado será feminista, intentado crear conciencia das moitas opresións e dominacións que sofren as mulleres, continúa. Neste proxecto, cada grupo presentará unha perfomance cun guión conceptual diferente. Neste senso, buscáronse diferentes localizacións xerando un simbolismo entre o espazo físico seleccionado, o espazo mental e a filosofía do discurso a desenvolver. As performances continuarán o 26 de novembro.