A XIII Xornada de Recursos Educativos en galego pon o foco na igualdade e no xénero
De que recursos na nosa lingua dispón o cadro docente para encarar a sensibilización e concienciación das nenas e nenos en relación á igualdade das persoas é unha das cuestións ás que pretende dar resposta a XIII Xornada de Recursos Educativos en galego: igualdade e xénero. A sesión desenvolverase en liña, a través de Lifesize, na tarde do 25 de novembro entre as 16.00 e as 19.30 horas. A inscrición pode realizarse ata o 19 de novembro nesta ligazón.
Coñecer os recursos existentes verbo da igualdade e o xénero, reflexionar sobre a experiencia do seu uso e motivar para crear novos recursos é a cerna desta décima terceira edición, que, por mor das restricións impostas contra a pandemia, desenvolverase en liña e cunha menor duración do habitual, só tres horas e media en total. O destinatario principal destas xornadas é o alumnado, o PDI e PAS das universidades galegas interesado en coñecer estratexias que axuden a mellorar o uso e coñecemento dos recursos didácticos en galego para a igualdade en relación co xénero, así como profesionais interesados/as. Ofértanse 200 prazas e ás persoas asistentes expediráselles un diploma.
Programa
Tras o acto inaugural, a profesora de Didáctica da Lingua e Literatura, Monserrat Pena Presas, subliñará a importancia da literatura infantil e xuvenil como recurso educativo neste eido. A partir das 17:30, Denís Vicente, profesor do IES As Barxas de Moaña explicará a experiencia da Rede Educativa LGBTIQ+ de Galicia, que conta con máis de 200 docentes de máis de 100 centros de ensino. O obxectivo desta rede é combater prexuízos e fobias contra o colectivo LGBTIQ+ mediante grupos de asesoramento e apoio que pretenden crear sinerxías e poñer á disposición da rede distintos recursos educativos. Presentar o monográfico da Revista Galega de Educación dedicado ao dereito á coeducación será a tarefa da súa coordinadora, a profesora Sonia Fernández Casal, experta en xénero e docente no IES Plurilingüe Fontexería de Muros. Finalmente, Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes é o título do ensaio que o profesor da USC Jorge García Marín, presentará no derradeiro relatorio da xornada.
Toma de conciencia
A sesión está organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC. A finalidade da mesma é que o alumnado desta Facultade poida tomar conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente, así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego dos que poderá dispoñer no seu futuro profesional. Asemade, un dos propósitos fundamentais destas xornadas é fornecer aos futuros profesionais estratexias e criterios que lles permitan non só coñecer e empregar os recursos existentes senón adaptalos e reelaboralos para atender ás diferentes necesidades de ensino-aprendizaxe que se desenvolven na aula e nos diferentes centros de Galicia.