Skip to main content

Un foro analiza na EPS de Enxeñaría o proxecto Infraestrutura Verde para a adaptación territorial ao cambio climático

Presentación na EPS de Enxeñaría do proxecto Infraestrutura Verde
Presentación na EPS de Enxeñaría do proxecto Infraestrutura Verde
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC acolleu este mércores a presentación do proxecto
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC acolleu este mércores a presentación do proxecto ‘Infraestrutura Verde para a Adaptación da Ordenación Territorial ao Cambio Climático’ (Inverclima), promovido pola USC co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Fundación Biodiversidad, no marco da xornada Ecosistemas contra o Cambio Climático.

A Infraestrutura Verde é definida pola Comisión Europea como “unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos”. Esta rede de ecosistemas sans é imprescindible na loita contra o cambio climático. Bosques, pastizais, ecosistemas acuáticos, etc. desempeñan un papel fundamental no ciclo do carbono pero ademais proporcionan servizos e bens esenciais para o benestar humano.

A infraestrutura verde contribúe, entre outras funcións e segundo se puxo de manifesto na xornada celebrada na EPS de Enxeñaría, á mitigación e adaptación ao cambio climático, xa que entre os servizos ecosistémicos que proporciona atópanse a captura e almacenamento de carbono mediante a creación e conservación de sumidoiros naturais, a regulación da temperatura, o subministro de enerxías renovables, a canalización dos desprazamentos das especies debidos ao cambio climático, o control dos danos por eventos extremos (secas, inundacións, etc.) e a redución da vulnerabilidade a incendios forestais, erosión e pragas ou enfermidades.

A xornada, que se desenvolveu en quenda de mañá, contou coa participación da directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Mª Cruz Ferreira, que expoñerá a Estratexia Galega de Cambio Climático; a subdirectora de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, María Gil, que presentará os contidos da nova lei de ordenación do territorio de Galicia relacionados coa infraestrutura verde; o Xefe de Área de Espacios Naturais Protexidos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que explicaou a Estratexia Estatal de Infraestrutura Verde; e Pedro Calaza, Decano do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos e doutor en Arquitectura da Paisaxe, que falará do vínculo entre a infraestrutura verde e o cambio climático.

O foro Ecosistemas contra o Cambio Climático, concibido como unha sesión aberta a todo o público interesado en mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde co fin de contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático, incluíu actividades participativas nas que o público asistente debateu cos relatores.

Público participante nas xornadas 'Ecosistemas contra o Cambio Climático'

The contents of this page were updated on 12.04.2019.