Skip to main content

Veterinaria aprecia no porco celta solucións medioambientais e socioeconómicas para o monte

Piara de exemplares de raza porcina celta
Piara de exemplares de raza porcina celta
O director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez, debulla na súa tese doutoral o proceso de recuperación dunha raza porcina autóctona cada vez máis rendible e apreciada pola calidade das súas viandas e polos beneficios que achega a súa cría á conservación de espazos naturais
Lugo

O porco celta é unha raza autóctona recoñecida pola calidade das súas viandas, cada vez máis rendible e, sobre todo, mellor considerada polas solucións medioambientais, económicas e incluso demográficas que depara a súa cría en extensivo nos montes galegos, segundo se recolle na tese de doutoramento que vén de defender o veterinario e director técnico da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), Iván Manuel Rodríguez Paz, na Facultade de de Veterinaria do Campus de Lugo.

A investigación desenvolvida por Rodríguez Paz baixo a dirección dos profesores da USC Antonio Iglesias e Víctor Pereira, así como do profesor da Uvigo José Manuel Lorenzo, ofrece un detallado percorrido pola evolución desta raza porcina autóctona desde os inicios das tarefas para a súa recuperación ata a actualidade, momento no que, segundo o investigador, xa se constata un incremento desta actividade gandeira ademais dun crecente prestixio comercial e, por ende, unha maior rendibilidade económica.

A xenética resultou ser un factor determinante para a recuperación dunha raza que apenas contaba cun reducido número de exemplares. Rodríguez Paz sinala neste senso a importancia da inicial avaliación do pedigree da raza, o que permitiu coñecer a variabilidade xenética e a consanguinidade existente entre os exemplares, así como da boa xestión do posterior Libro Xenealóxico, un rexistro pouco menos que vivo das características raciais que tamén serve de ferramenta para dirixir os cruzamentos e favorecer o crecemento das camadas, “a mellor garantía para preservar o material xenético”, di. A creación dun banco de xermoplasma e o progresivo censo de animais e de ganderías tamén contribúen á conservación do Porco Celta, cuxo futuro como raza tamén depende da rendibilidade das granxas.

Alén do manexo e da alimentación dos animais, a investigación salienta a implantación dunhas boas prácticas sanitarias, de hixiene e profilaxe como clave para optimizar a produción de Porco Celta no habitual sistema silvopastoril no que se desenvolve a cría desta raza, un modelo que presenta os riscos engadidos derivados dos contactos con fauna silvestre.

A caracterización comercial a través de 2016 co asentamento da marca 100% Raza Autóctona Porco Celta e a progresiva xeneralización destes produtos na gastronomía contribúen tamén ao pulo desta raza porcina e á maior rendibilidade das súas granxas. A este cometido tamén axuda os múltiples beneficios que reporta o binomio Porco Celta-monte galego.
“O porco celta abona, roza, evita incendios e produce carne saudable de calidade”, sostén Iván Rodríguez, para logo engadir que “a cría en extensivo de porcino e raza celta reporta solucións socioeconómicas e medioambientais para contorna, xa que é unha actividade económica viable nas zonas xeográficas máis desfavorecidas, a través da que se combate o despoboamento rural e se crea emprego, ao tempo que axuda ao mantemento da paisaxe característica e tamén na prevención dos incendios forestais”.

Tribunal de tese e cualificación

O xefe de Investigación do Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca), Daniel Franco Ruiz, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Iván Manuel Rodríguez Paz baixo o título ‘Características produtivas da canal e da carne na raza autóctona porcina Celta’. A profesional veterinaria clínica Inmaculada Orjales Galdo e o profesor do departamento de Patoloxía Animal da USC e decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, completaron a formación dun xurado que outorgou a esta investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Iván Rodríguez Paz, director técnico veterinario de Asoporcel
Iván Rodríguez Paz, director técnico veterinario de Asoporcel
The contents of this page were updated on 11.10.2020.