Formación en experimentación para garantir o benestar animal
O programa de formación en experimentación animal promovido de xeito pioneiro pola USC coa correspondente acreditación da Xunta de Galicia para acadar as capacitacións establecidas na Orde ESS/566/2015, a normativa que recolle os requirimentos que debe cumprir o persoal que manexe animais utilizados ou criados con fins de experimentación e/ou para outros usos científicos, incluídos a docencia, ten convertido a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo nun centro de referencia, cando menos en Galicia, neste eido, tal e como o proba o feito de que máis dun centenar persoas completaran ao longo do último ano os distintos módulos teóricos e prácticos ofertados sobre manexo, coidados e procedementos con animais.
A alta demanda deste tipo de formación específica en experimentación animal, un proceso de aprendizaxe que, por outra banda, é necesario para a obtención da pertinente certificación de capacitación profesional por parte da Administración, tradúcese aínda na actualidade en múltiples solicitudes que demandan unha nova edición deste programa de formación en experimentación animal, segundo indica a profesora do Departamento de Anatomía, Produción Animal y Ciencias Clínicas Veterinarias, Mar Yllera, quen adiantou que, unha vez testado o éxito desta formación específica, a USC estuda lanzar en liña ou en modalidade semipresencial unha nova edición deste programa sobre experimentación animal pioneiro no Sistema Universitario de Galicia.
A docente e investigadora da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, quen tamén actúa como coordinadora dos módulos deste programa referidos a roedores e lagomorfos, explicou que o obxectivo desta iniciativa é o de achegar coñecemento para que a experimentación animal se faga coas garantías necesarias de protección e benestar, segundo a normativa vixente tanto no plano estatal como europeo.
Estrutura, profesorado, prezos e calendario e etapas
O programa de formación en experimentación animal da USC impulsado desde a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo está estruturado en 14 cursos para obter as funcións a,b,c para todas as especies animais na parte teórico-práctica. Trátase dunha oferta integradora e a prezos baixos na que participan docentes e persoal da USC, UVigo, Universidade de Estremadura, Fundac, Universidade de León, Fundación Novoa Santos da Coruña, Hospital Rof Codina, Hospital Universitario de Ourense e Xunta de Galicia. Gran parte da demanda atópase dentro da comunidade universitaria, pero tamén en hospitais, centros de investigación e centros de formación profesional.
O calendario dos diversos módulos teóricos e prácticos incluídos nesta formación específica da USC trata de adaptarse ás necesidades dos demandantes. Daquela, os cursos troncais de roedeores e lagomorfos, que son os que rexistraron unha maior demanda, comezaron a celebrarse en novembro de 2019 e prolongáronse ata marzo de 2020. A diferenza, a formación específica de peixes, de cuxa coordinación se ocupa a catedrática da USC Laura Sánchez Piñón, tivo que adiarse ata outubro por mor da pandemia.
A actual conxuntura sociosanitaria tamén afectou á realización dos cursos de ruminantes, équidos e de porcino, módulos supervisados por Natalia Miño Vilariño e que se desenvolverán os días 27 de novembro e 4 de decembro. Os módulos teóricos e prácticos específicos para aves e animais silvestres celebraranse en decembro, mentres que os de carnívoros terán lugar en xaneiro de 2021. O prazo de matrícula nestes programas está aberto, segundo indicou Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación.
Unha vez acreditada a parte teórico-práctica dun curso, o alumno/a, que xa acada un diploma expedido pola propia USC, pode facer unha segunda fase que consiste na realización dun traballo baixo supervisión, desenvolvendo as funcións estudadas nunha contorna real de traballo baixo a seguimento dun profesional competente. Cando ambas fases están superadas, a Xunta de Galicia outorga un documento que certifica a capacitación correspondente para unha, varias ou todas as especies.
López Mosquera explicou asemade que a organización deste programa no Campus Terra da USC responde á máxima do aproveitamento dos recursos dispoñibles nunha sede universitaria que conta cunha Facultade de Veterinaria que dispón de animalario, ademais de profesorado e persoal cualificado para impartir esta docencia. A relación da Facultade co hospital veterinario Rof Codina e o CEBIOVET (Centro de Biomedicina e Veterinaria), onde se investiga con animais medianos e grandes, unido á existencia de grupo de investigación ligados ao peixe cebra constitúen outros factores que xustifican canalizar desde Lugo a formación en experimentación animal.