O reitor impúxolle a Insignia Fonseca a 73 integrantes dos cadros de persoal docente e de administración

Setenta e tres integrantes do cadro de persoal da USC recibiron este venres 25 a Insignia Fonseca, distinción coa que a USC honra anualmente a traballadoras e traballadores que levan prestando servizos á institución docente durante máis de trinta anos. Neste ocasión, foille outorgado este recoñecemento a 35 mulleres e 38 homes, maioritariamente do colectivo do Persoal Docente e Investigador (47) e pertencentes aos campus de Santiago (57) e Lugo (16). Nesta edición concedéuselle a Insignia a título póstumo ao profesor Ignacio Zarra Cameselle.
O acto protocolario de imposición presidiuno o reitor Antonio López Díaz no Colexio de Fonseca, e contou tamén coa participación da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra Rey; dos vicerreitores de Profesorado e de Coordinación do Campus de Lugo, Ernesto González Seoane e Montserrat Valcárcel Armesto; e do xerente, Javier Ferreira Fernández. “Queremos que sexa un recoñecemento mirando cara atrás e un estímulo para avanzar cara o futuro” afirmou o reitor respecto da natureza desta distinción. Estas tres décadas de dedicación á institución son a expresión dun patrimonio de “experiencia e sabedoría” do que a USC precisa“conxugado con sabia nova” para afrontar o futuro.
Antonio López destacou igualmente que o conxunto de docentes e persoal de administración recoñecido coa Insignia Fonseca son testemuña “de trinta anos moi especiais polos cambios operados na universidade nese tempo”, cambios moito máis profundos mesmo que nos séculos anteriores. “Esta universidade segue sendo unha peza especial do desenvolvemento da nosa sociedade e, ao mesmo tempo, as persoas que a conformamos, somos peza esencial desta universidade”.
Na cerimonia, interviñeron ademais Eduarda González Ferreiro en representación do Persoal de Administración e Servizos e Florentina Mª Josefina Hernández Nistal e Lourenzo Fernández Prieto en nome do profesorado. Mentres Eduarda González identificou a Insignia recibida como un “vínculo para sempre coa Universidade de Santiago” á que “temos dedicado, esforzo, entusiasmo e lealdade”, Josefina Fernández formulou unha reflexión crítica sobre a evolución da universidade nas últimas décadas e os seus retos ao longo deste tempo. Pola súa banda, Lourenzo Fernández reivindicou que “ de nada serve o pasado sen o futuro” e, neste senso, "temos a obriga de traballar para garantilo”. Lembrando que “somos a universidade máis vella de idade media” apelou á necesidade de impulsar un cambio xeracional nos planos da docencia, a investigación e a xestión.
O reitor, nun momento da súa intervención, xunto coa presidenta do Consello Social e o vicerreitor de Profesorado. Foto. Santi Alvite Nesta edición, recibiran o recoñecemento 35 mulleres e 38 homes. Foto: Santi Alvite


