Skip to main content

O proxecto UPPscale afondará na interacción entre universidades e escolas na formación inicial do profesorado

O proxecto UPPscale, ‘University  Practice  Schools:  sustaining  collaboration  across  learning  enviroments’, e as experiencias piloto que del se deriven, serán postas en marcha en Bélxica, República Checa, Dinamarca, Inglaterra e España. FOTO: Santi Alvite
O proxecto UPPscale, ‘University Practice Schools: sustaining collaboration across learning enviroments’, e as experiencias piloto que del se deriven, serán postas en marcha en Bélxica, República Checa, Dinamarca, Inglaterra e España. FOTO: Santi Alvite
O grupo Tecnoeduc tomou parte na reunión de arranque dunha investigación que profundará na creación dun espazo educativo innovador e non xerárquico con experiencias piloto en Bélxica, República Checa, Dinamarca, Inglaterra e España
Santiago de Compostela

Crear un espazo innovador e non xerárquico para o traballo  transnacional sostible que responda ás necesidades e intereses das escolas e das universidades no proceso de formación inicial do profesorado é a meta do proxecto UPPscale, no que toma parte o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC Tecnoeduc. O equipo investigador formado por Beatriz Cebreiro López, Carmen  Fernandez  Morante, Milagros Trigo Miranda e Enrique Latorre Ruiz acaban de participar no encontro en liña, coordinado pola Universidade de  Plymouth, institución líder do consorcio, e que serve de punto de arranque para esta iniciativa que conta cun orzamento total de 301.922 euros.

O proxecto UPPscale, ‘University  Practice  Schools:  sustaining  collaboration  across  learning  enviroments’, e as experiencias piloto que del se deriven, serán postas en marcha en Bélxica, República Checa, Dinamarca, Inglaterra e España, a través da colaboración estreita entre escolas e universidades, axentes fundamentais na formación do profesorado. Concretamente, o grupo de traballo da Facultade de Ciencias da Educación fará o propio no CPI O Cruce, “escola á que nos unen máis de dez anos de exitosas e frutíferas colaboracións”, sinala o equipo investigador.

Con esta reunión dá comezo o novo proxecto Erasmus KA2 de Asociacións estratéxicas para a educación, o quinto dos proxectos europeos competitivos que o grupo  mantén activos. “Tecnoeduc participa dende 1997 en proxectos de investigación educativa e a Comisión Europea ten mantido un financiamento estable para acometer iniciativas neste eido”, destaca Beatriz Cebreiro López, directora do grupo de investigación.  “A Unión Europea ten claro cales son as súas políticas educativas, xa que un dos seus principais retos é a adquisición de competencias en tecnoloxías emerxentes”, engade.

The contents of this page were updated on 11.17.2020.