O proxecto UPPscale afondará na interacción entre universidades e escolas na formación inicial do profesorado
Crear un espazo innovador e non xerárquico para o traballo transnacional sostible que responda ás necesidades e intereses das escolas e das universidades no proceso de formación inicial do profesorado é a meta do proxecto UPPscale, no que toma parte o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC Tecnoeduc. O equipo investigador formado por Beatriz Cebreiro López, Carmen Fernandez Morante, Milagros Trigo Miranda e Enrique Latorre Ruiz acaban de participar no encontro en liña, coordinado pola Universidade de Plymouth, institución líder do consorcio, e que serve de punto de arranque para esta iniciativa que conta cun orzamento total de 301.922 euros.
O proxecto UPPscale, ‘University Practice Schools: sustaining collaboration across learning enviroments’, e as experiencias piloto que del se deriven, serán postas en marcha en Bélxica, República Checa, Dinamarca, Inglaterra e España, a través da colaboración estreita entre escolas e universidades, axentes fundamentais na formación do profesorado. Concretamente, o grupo de traballo da Facultade de Ciencias da Educación fará o propio no CPI O Cruce, “escola á que nos unen máis de dez anos de exitosas e frutíferas colaboracións”, sinala o equipo investigador.
Con esta reunión dá comezo o novo proxecto Erasmus KA2 de Asociacións estratéxicas para a educación, o quinto dos proxectos europeos competitivos que o grupo mantén activos. “Tecnoeduc participa dende 1997 en proxectos de investigación educativa e a Comisión Europea ten mantido un financiamento estable para acometer iniciativas neste eido”, destaca Beatriz Cebreiro López, directora do grupo de investigación. “A Unión Europea ten claro cales son as súas políticas educativas, xa que un dos seus principais retos é a adquisición de competencias en tecnoloxías emerxentes”, engade.