Skip to main content

O primeiro catálogo da macromicobiota do Courel referencia 536 taxons e dá conta da súa enorme biodiversidade

Imaxe do catálogo de macromicobiota do Courel
Imaxe do catálogo de macromicobiota do Courel
Os profesores da USC Julián Alonso e Antonio Rigueiro salientan que esta publicación, financiada pola Deputación de Lugo e que estará accesible nas web do Ibader e da Estación Científica do Courel, constitúe unha obra de referencia para os estudos de micoloxía en Galicia
Lugo

O primeiro catálogo da macromicrobiota do Courel referencia 536 taxons e dá conta na enorme biodiversidade que agochan as montañas desta serra oriental da provincia de Lugo, segundo indicaron os profesores da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Antonio Rigueiro e Julián Alonso, autores desta publicación financiada con fondos da Deputación Provincial de Lugo, na presentación desta obra no marco dunha sesión celebrada no lugués Pazo de San Marcos e no que tamén participou a deputada provincial  Pilar García Porto.

O ‘Catálogo da macromicobiota das montañas do Courel (Galicia, NO España)’, tal e como reza o título desta nova publicación científica, que estará accesible en rede nas web do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e da Estación Científica do Courel, constitúe un exhaustivo estudo da macromicobiota courelá que se estende ao longo de 521 páxinas.

O traballo científico desenvolvido por Rigueiro e Alonso e no que tamén colaboraron outros investigadores da USC, tales como Manuel Antonio Rodríguez Guitián, ademais doutras entidades e asociacións, é unha aproximación ao coñecemento e catalogación da macromicobiota do territorio das montañas do Courel. De feito, neste volume aparecen referenciados un total de  536 taxons, dos que 410 figuran inventariados e descritos con macro e microfotografías. Do total dos taxons incluídos, 322 son primeiras citas publicadas para o territorio das montañas do Courel, 109 para a provincia de Lugo, 48 para Galicia, 5 para a península ibérica, e unha é primeira cita europea.  

Esta obra, o máis amplo dos estudos sobre micoloxía courelá e incluso galega realizado ata o momento, representa só unha parte da enorme biodiversidade fúnxica das montañas do Courel, segundo indican os seus autores, que atribúen esta excepcional riqueza á diversidade xeolóxica, climática e florística desta serra luguesa.  

O estudo e as pescudas científicas compiladas neste catálogo sobre macromicobiota realizouse durante algo máis de 3 anos, desde outono de 2016 ata finais 2019, cun periódico traballo de prospección micolóxica no territorio, complementado nos laboratorios da Estación Científica do Courel e do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC). Neste traballo, os autores tamén contaron con achegas de distintas persoas e asociacións, tales como a Sociedade Micolóxica Lucus ou a Asociación de Desenvolvemento Rural ‘Serra do Courel’.

Caderno de micoloxía no xeodestino Ancares-Courel

A presentación do catálogo de macromicobiota do Courel serviu de marco para dar a coñecer tamén un caderno divulgativo sobre a micoloxía neste zona de montaña. Esta publicación máis modesta, obra tamén dos mesmos autores e que leva por título ‘Micoloxía no xeodestino Ancares-Courel’ está estruturada en 28 páxinas e conta con edicións en galego e castelán.

Os contidos que achega esta nova publicación son sinxelos pero rigorosos. Neste caderno micolóxico ofrécense múltiples ilustracións e fotografías, ao tempo que se abordan temas como as características do xeodestino Ancares-Courel dende o punto de vista do micoturismo, os conceptos básicos sobre fungos e cogomelos que debe coñecer todo afeccionado, os criterios para a identificación, a descrición das principais especies, e os aspectos principais da lexislación e boas prácticas que deben tamén coñecerse, ademais dunha serie de ligazóns e contactos de interese.  

 

De esquerda a dereita, Julián Alonso, Pilar García, Antonio Rigueiro e Pablo Ramil, no Pazo de San Marcos  e
De esquerda a dereita, Julián Alonso, Pilar García, Antonio Rigueiro e Pablo Ramil, no Pazo de San
The contents of this page were updated on 03.18.2021.