Vicente Blanco e Salvador Cidrás gañan o XL Premio Marta Mata de Pedagoxía
Os profesores da Área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo Vicente Blanco e Salvador Cidrás veñen de acadar o XL Premio Marta Mata de Pedagoxía, un galardón convocado pola Asociación de Mestres Rosa Sensat, co traballo ‘Debuxar o mundo: xogar, crear, compartir’.
Blanco e Cidrás, que recolleron este xoves en Barcelona o galardón, manifestaron a súa gratitude pola consecución dun premio que se convoca cada ano co obxectivo de promover, recoñecer e da a coñecer o traballo renovador de mestres, profesores e outros educadores, xa en equipo ou de xeito individual. A Asociación de Mestres Rosa Sensat, que procura con estes premios que a análise e a reflexión sobre a práctica contribúan a mellorar a educación e a fortalecer a renovación pedagóxica, tamén distinguiu nesta convocatoria a figura e a traxectoria individual da filóloga, ensaísta e profesora María Garcés. O premio colectivo recaeu na revista dixital cultural Catorze.cat.
No traballo premiado, Blanco e Cidrás recollen algunhas das propostas de debuxo resultantes do seu labor en obradoiros de procesos creativos desenvolvidos con nenos e nenas de educación Infantil e Primaria en colaboración con escolas, familias e colectivos interesados nas metodoloxías activas.
Todos estes talleres, explican Blanco e Cidrás, comparten unha serie de características, tales como o son o feito de incidir na idea do “proceso”, ou o que ben ser o mesmo, descubrir formas de facer abertas que non procuran un único resultado; experimentar con diferentes materiais, técnicas e linguaxes artísticas; favorecer a creación dun imaxinario e dun estilo persoal, afastándose de respostas estereotipadas e convencionais, e educar o sentido estético. Estas experiencias están agrupadas en catro apartados: volver a debuxar (pensadas para que as persoas adultas que traballan coa infancia recuperen o debuxo), contar debuxando (experiencias nas que conviven palabras e imaxes), xogar debuxando (debuxo a través do xogo) e concienciar debuxando (debuxo activista).
Segunda obra de carácter pedagóxico
‘Debuxar o mundo: xogar, crear, compartir’, un volume que proximamente verá a luz en castelán e catalán logo de acadar o XL Premio Marta Mata, constitúe o segundo libro de temática pedagóxica do que son autores Vicente Blanco e Salvador Cidrás, que, ademais de dar aulas na Facultade de Formación do Profesorado, tamén desenvolven parte do seu cometido docente no Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) da USC.
A primeira incursión bibliográfica destes autores no eido da pedagoxía é ‘Educar a través da arte. Cara unha escola imaxinada’, un volume no que tamén colabora Rocío Modia e que resultou premiada no Certame Educa Compostela para agora formar parte da colección Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka Editora, dirixida polo catedrático de Educación Antón Costa.