Skip to main content

Francisco Otero Espinar toma posesión como decano de Farmacia, “un dos buques insignias das ciencias da saúde na USC”

Francisco Otero Espinar. Foto: Santi Alvite
Francisco Otero Espinar. Foto: Santi Alvite
O reitor anunciou que o futuro Plan de Infraestruturas fixa como máxima urxencia un novo edificio no solar de Farmacia que albergue as titulacións deste centro
Santiago de Compostela

Francisco Otero Espinar tomou posesión este martes do seu cargo como novo decano de Farmacia subliñando que esta Facultade “está considerada entre as mellores de España pola súa capacidade formativa e investigadora”. No acto presidido polo reitor Antonio López, Otero Espinar cualificou o centro como “un dos buques insignia da área de ciencias da saúde na USC”. Neste senso, sinalou que o grao en Farmacia conforma “unha carreira atractiva, con futuro laboral, única no noroeste de España, con excelentes docentes e investigadores”.

O novo decano lembrou que esta Facultade ocupa o segundo lugar no número de estudantes con mellores resultados no exame FIR nos dous últimos anos. De acordo co QS Global World Ranking, continuou Otero Espinar, a USC atópase no intervalo 151-200 das mellores universidades do mundo no eido da Farmacia e a Farmacoloxía, cunha valoración de 51,9 en reputación académica, e un 83,8 na puntuación de citacións obtidas por artigos. Asemade, a Universidade atópase no posto 206 en Farmacoloxía e Toxicoloxía no ranking Performance Ranking of Scientific Papers For World University (NTU) pola calidade das súas publicacións científicas.

Mellora das infraestruturas

Otero Espinar quixo aproveitar a súa intervención para deixar patente a necesidade de “tomar medidas para que a nosa Facultade teña unhas infraestruturas e instalacións acordes coa súa actividade”. Neste senso o novo decano reclamou a necesidade de iniciar unha fonda reflexión sobre como debería ser o centro nos vindeiros anos. Neste senso, afirmou que nas numerosas xuntanzas mantidas co goberno da USC nos últimos meses “houbo sempre unha gran receptividade e denotei inquedanza e firme vontade e intención de resolver o problema”.

O novo decano finalizou a súa intervención trasladando as ganas de traballar e a ilusión do novo equipo de goberno por “facer da Facultade de Farmacia, un referente nacional e internacional, da que os seus alumnos, a Universidade e a propia sociedade galega se sinta orgullosa”.

Novo edificio no solar de Farmacia

Pola súa parte, o reitor Antonio López adiantou na súa intervención que o novo Plan Plurianual de Infraestruturas da USC que deberá ser aprobado polo Claustro, fixa como urxencia máxima a construción dun novo edificio no actual solar da Facultade de Farmacia que albergue as titulacións dese centro. Esta nova infraestrutura que o reitor cualificou como “reto esencial” será un edificio modular que responda ás necesidades docentes e de investigación deste “centro punteiro en calquera dos rankings que se manexen”. Neste senso, a Universidade márcase “de xeito inmediato” a necesidade de sacar adiante este plan para, a continuación, definir conxuntamente coa Facultade as necesidades que deben cubrirse e traballar nun plan de financiamento para executalas.

O reitor agradeceu tamén na súa intervención a “xestión heroica” de Isabel Sandez Macho ao longo dos seus oito anos como decana do centro. Sandez Macho realizou un repaso aos logros máis significativos da súa xestión e manifestou o seu “máis sincero agradecemento” a todos os membros da Facultade.

Novo equipo

Otero Espinar estivo acompañado no acto polo seu equipo de goberno integrado polas vicedecanas Mª de los Reyes Laguna Francia e María Paz García Martínez, así como pola secretaria da Facultade, Matilde Casas Parada.

Currículo

Doutor en Farmacia pola USC dende 1990, Premio Extraordinario de Doutoramento e Premio Eloy Díez pola súa tese, Otero Espinar é catedrático no Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica. En 1993, desprázase á Universidade de Paris-Sud para realizar una estancia postdoutoral, reincorporándome a USC a finais do 1994, na que xa comezara a traballar como profesor axudante en 1990.

Autor de máis de 130 artigos, libros ou capítulos de libro, alén de varias patentes, leva dirixidas e codirixidas quince teses de doutoramento, así como numerosos traballos de investigación de estudantes de grao e mestrado. Foi secretario e director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e director do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC. Na actualidade é presidente da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica (SEFIG).

López e Otero no acto de toma de posesión. Foto: Santi Alvite O novo decano posa co equipo de goberno da USC. Foto: Santi Alvite Público no acto de toma de posesión. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 12.10.2019.