Skip to main content

Os Premios de Excelencia Académica recoñecen “a capacidade, o esforzo e a dedicación” do alumnado da USC

De esquerda a dereita, Román Rodríguez, Juan Manuel Lorenzo, Carmen Fernández Morante, Elena Vázquez Cendón e Antonio López. FOTO: Santi alvite
De esquerda a dereita, Román Rodríguez, Juan Manuel Lorenzo, Carmen Fernández Morante, Elena Vázquez Cendón e Antonio López. FOTO: Santi alvite
O 39,9% dos galardóns concedidos ao abeiro desta convocatoria recaeron en alumnado da institución compostelá, erixíndose na primeira universidade galega en número de recoñecementos
Santiago de Compostela

O alumno da Facultade de Matemáticas, Juan Manuel Lorenzo Naveiro, e María Allegue Criado, estudante da Facultade de Ciencias da Educación, foron recoñecidos este luns cos Premios de Excelencia Académica de Grao correspondentes ao curso 2018/19. O reitor Antonio López e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, tomaron parte na entrega simbólica deste galardón no que tamén estiveron presentes a decana de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, así como Carmen Fernández Morante, decana de Ciencias da Educación e que recolleu o premio en representación de María Allegue, quen non puido asistir ao acto por atoparse fóra do país.

De entre os case 400 premiados, obtiveron a máxima cualificación, un 10, ata sete galardoados, entre os que se atopan os dous alumnos da USC. Os Premios de Excelencia Académica, cuxa resolución publicouse este luns no Diario Oficial de Galicia, recoñece nesta edición a un total de 396 estudantes de grao universitario oficial no curso 2018/19 no Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao, agás o último, dado que neste caso o galardón artéllase a través dos Premios Fin de Carreira. O 39,9% dos premios concedidos ao abeiro desta convocatoria recaeron en alumnado da USC, erixíndose na primeira universidade galega en número de galardóns.

“Exemplo máximo de aproveitamento”

O reitor Antonio López destacou, neste senso, “a capacidade, o esforzo e a dedicación” do alumando recoñecido nesta convocatoria, “exemplo máximo de aproveitamento”, afirmou, alén de subliñar o rol crucial das facultades e do seu profesorado “para que este éxito fose efectivo”. Cada un dos beneficiarios e beneficiarias, recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción. Deles, os 185 con notas superiores a 9 recibirán a maiores unha contía complementaria de 500 euros.

O conselleiro de Educación, pola súa parte, agradeceu o esforzo e compromiso do alumnado universitario que, como dixo, son “os mellores vectores de calidade das nosas universidades” e  representan “a Galicia do futuro, do esforzo, do compromiso do traballo ben feito e a Galicia da vangarda e excelencia”.

Cómpre lembrar que son as propias universidades as que seleccionan os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos oito puntos.

The contents of this page were updated on 12.14.2020.