Skip to main content

Veterinaria impulsa xunto co Servizo de Normalización Lingüística da USC unha campaña a prol do uso do galego entre o alumnado

Xusto Rodríguez, Montserrat Valcárcel, Marta López e Germán Santamarina, na presentación da campaña en Veterinaria
Xusto Rodríguez, Montserrat Valcárcel, Marta López e Germán Santamarina, na presentación da campaña en Veterinaria
Máis do 70% dos novos estudantes que cada ano acceden á Facultade de Veterinaria proceden de fóra de Galicia ou non teñen o galego como lingua habitual, di o decano
Lugo

A Facultade de Veterinaria impulsa xunto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC unha campaña de promoción do uso da lingua galega entre o alumnado do centro universitario lugués. A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o decano de Veterinaria, Germán Santamarina; a profesora Marta López Alonso, e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC Xusto Rodríguez, presentaron a iniciativa ao alumnado este luns cun breve acto de reparto de cadernos, lapis e outro material, ademais de informarlles da publicación de varios vídeos de promoción na canle de Youtube que teñen como protagonistas a estudantes de Veterinaria e que tamén están accesibles desde o web do SNL.

A posta en marcha desta campaña a prol do galego en Veterinaria non é responde a unha acción que acomete a USC ao chou, segundo sinalou Xusto Rodríguez, para logo precisar que a facultade luguesa é o centro máis ‘internacional’ da USC, xa que máis da metade do novo alumnado que recibe cada ano procede de fóra de Galicia. E dos estudantes procedentes da comunidade galega, non todos son galegofalantes nin teñen o galego como lingua habitual, engadiu o técnico de do SNL da USC.

A singularidade que presenta Veterinaria en canto á realidade lingüística do seu alumnado non ten parangón na USC, sinalou o decano da Facultade. Germán Santamarina comentou neste senso que “ máis do 70% dos 110-115 alumnos que cada curso acceden ao primeiro curso de Veterinaria non coñecen a lingua galega, xa que proceden doutras provincias españolas, ou non están familiarizados co seu uso”. Esta situación non ten comparación en ningún outro centro da USC no Campus de Lugo nin no de Santiago. De feito, na Facultade de Medicina, que é outro dos centros da USC que máis alumnado recibe de fóra de Galicia, a porcentaxe de estudantes non galegos sitúase arredor do 30%, detallou.

Alén da explicación dos factores que motivan esta acción específica para dinamizar o emprego do galego como lingua na Universidade, que tamén ten o español como idioma oficial, a profesora Marta López Alonso, unha das docentes de Veterinaria que imparte as súas clases en galego, salientou que os obxectivos desta campaña transcenden a cuestión lingüística, xa que con estas accións máis ou menos simbólicas, tamén buscamos proxectar unha imaxe en positivo do campus de Lugo e, de xeito implícito, da cidade e das súas xentes”. Cómpre non esquecer que o emprazamento xeográfico deixa a Lugo e ao seu campus nun enclave non principal, polo que o seu grao de coñecemento entre o estudantado e incluso no resto de España é menor que o que pode existir da sede universitaria compostelá, relatou López Alonso, quen demanda así accións de discriminación positiva que contribúan a poñer en valor as múltiples vantaxes que reporta a Facultade de Veterinaria, en particular, e o Campus de Lugo, no seu conxunto, e para que o propio alumnado supere os posibles prexuízos e cambie a súa mirada respecto ao galego e tamén sobre Lugo.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo trasladou os seus parabéns aos promotores desta campaña de difusión do galego, unha iniciativa que continuará ao longo dos próximos días coa distribución de exemplares dun volume que compila un vocabulario específico de veterinaria ou mesmo coa instalación dun ‘photocall’ no aulario de Veterinaria. Montserrat Valcárcel tivo tamén palabras de agradecemento para os alumnos, docentes e outros titulados xa egresados da Facultade de Veterinaria (Mario, Iris, Andrea, Susi, Nuria e Óscar), pola súa desinteresada colaboración para dar vida a esta campaña.

Reparto de material promocional a prol do uso do galego entre o alumnado de Veterinaria

The contents of this page were updated on 11.17.2023.