Skip to main content

O terceiro Seminario Permanente en Comunicación e Xénero Co(m)xénero mantén aberta a súa inscrición ata o 15 de novembro

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Este foro que terá lugar os días 18 e 19 de novembro en Ciencias da Comunicación poñerá o foco no cibersexismo

A terceira edición do ‘Co(m)xénero, Seminario Permanente de Comunicación e Xénero’, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, celebrarase os días 18 e 19 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación. Nesta ocasión, as xornadas poñen o foco nos videoxogos, un sector tradicionalmente asociado ao ocio masculino no que as mulleres veñen reclamando, cada vez máis, a súa voz propia como creadoras, xogadoras e comunicadoras. A inscrición é de balde e está aberta até o 15 de novembro a través do formulario dispoñible na web do GEA (http://estudosaudiovisuais.gal).

Coordinado pola directora do GEA, a catedrática da USC Margarita Ledo Andión, e a docente e investigadora da USC, Marta Pérez Pereiro, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar os medios e as industrias culturais e creativas dende unha lectura crítica. A participación no Co(m)xénero pode ser recoñecida como actividade formativa para o estudantado do programa de doutoramento da USC ‘Comunicación e Información Contemporáneas’.

‘Cibersexismo. Violencia e Videogoxogos’ é o lema que delimita os tópicos deste terceiro Co(m)xénero. Así pois, o seminario busca revelar as desigualdades e os estereotipos de xénero dun sector que, polo seu crecemento e polas propias posibilidades que ofrece como medio, adquire a día de hoxe unha relevancia especial como espazo creador de discursos e de universos posibles.

Programa

As xornadas contarán coa participación de docentes, creadoras, deseñadoras e xogadoras que analizarán, dende a súa experiencia, os escenarios de violencia e discriminación que sofren as mulleres e como é posible facerlles fronte dende a educación e a comunicación. O programa inclúe conferencias, sesións de proxeccións e debate, obradoiros cunha óptica inclusiva, e un torneo de exhibición de eSports.

Esta terceira edición do Co(m)xénero está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade) e da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2017 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.