Skip to main content

O patrimonio natural e a biodiversidade nas reservas da biosfera, a debate desde o luns nun curso de verán da USC no Ibader

Cartaz do curso
Cartaz do curso
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, inaugurará o luns 2 de setembro, ás 10.00 horas, o foro estival que continuará ata o 5 de setembro
Lugo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC pon en valor o patrimonio natural e a biodiversidade nas reservas da biosfera a través dun curso de verán da USC que comeza este luns, a partir das 10.00 horas, e que se desenvolverá ata o xoves 5 de setembro.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidirá a sesión inaugural deste programa da Universidade de Verán da USC no que formalizaron a súa inscrición 25 alumnos. O director do Ibader, Pablo Ramil Rego, e a deputada provincial da área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, tamén intervirán no acto de apertura deste curso.

Unha charla sobre as reservas de biosfera atlánticas, a cargo do e posterior coloquio sobre as reservas de biosfera a cargo do profesor Pablo Ramil, seguido dun coloquio, abrirá a quenda de intervencións deste programa, que continuará en quenda de mañá co relatorio ‘Medio rural e despoboamento nas reservas da biosfera’, a cargo do catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Cantabria Pedro Reques Velasco.

Unha sesión sobre o marco xurídico das reservas da biosfera, a cargo René Javier Santamaría Arinas, da Universidade de La Rioja, seguida doutra charla sobre a importancia das marcas de calidade nas reservas da biosfera como promoción dun medio rural sustentable, pecharán a primeira xornada do curso.

O programa do curso ‘O patrimonio nutural e a biodiversidade nas reservas de biosfera’, continuará o martes 3 de setembro cunha visita guiada á Reserva da Biosfera Terras do Miño. O propio director do Ibader e o investigador contratado Luis Gómez-Orellana Rodríguez tamén guiarán o mércores e o xoves as visitas guiadas previstas á Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e a diversos enclaves incluídos na proposta de Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio.

The contents of this page were updated on 12.26.2019.