Skip to main content
  • USC Life

A Domus do Mitreo espalla a cultura romana con actividades didácticas de arqueoloxía e gastronomía

Imaxe da ara exposta no museo universitario A Domus do Mitreo de Lugo
Imaxe da ara exposta no museo universitario A Domus do Mitreo de Lugo
O museo universitario lugués contabiliza máis de 6.000 visitantes durante o último semestre de 2020 e a súa web eleva a decenas de miles o número de usuarios
Lugo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo avanza na difusión do coñecemento da cultura romana entre escolares e familias a través da programación na súa web de diversas actividades didácticas e lúdicas nas que a arqueoloxía e as coordenadas de espazo e tempo conflúen co crecente interese que está a espertar a gastronomía e a arte culinaria como alternativa saborosa e de lecer.

A proposta ‘Arqueochefs’, coa que A Domus do Mitreo permite á cidadanía rescatar os sabores da Antiga Roma e replicalos nos fogares a través de coidadas receitas adaptadas á actual cesta da compra, é unha das iniciativas postas en marcha para difundir a pegada romana e incorporar o descubrimento da súa cultura ás tendencias actuais.

Inspiradas na historia da Domus do Mitreo, que comeza a partir do século primeiro despois de Cristo, e apoiada no legado escrito de autores clásicos, que describen nas súas obras menús, curiosidades e costumes da mesa romana, o museo universitario lugués comezou a construír a pasada primavera un singular receitario que, ademais de dar conta da historia, tamén permite ao público interesado en gozar de sabores pretéritos propios da cociña de hai preto de 2.000 anos.

Muslum potio, ensalada columela, polo á Numidia, tortiñas romanas, chícharos á viteliana, cogumelos de Apicio, dátiles recheos, libum, albóndegas de sepia ou un preparado de albaricoques con menta, mel, viño doce e aceite, son algunhas das recomendacións culinarias que ofrece o receitario da Domus. A este repositorio virtual  veñen de incorporarse dous novos vídeos nos que se explican os segredos da preparación de ‘posca’, unha bebida aceda moi estendida entre a poboación porque acougaba a sede, ademais de polo seu baixo custe e as súas propiedades antisépticas, e de ‘sales conditos ad multa’, unha solución dixestiva que mestura sal con diversas especias.

Un museo interactivo

Os recursos telemáticos e de carácter interactivo que ofrece a Domus do Mitreo, constitúen, segundo subliña a directora do museo universitario, a profesora da USC María Dolores Dopico Caínzos, unha pasarela acaída para manter e, no seu caso, estreitar a relación co público na actual situación de pandemia, durante a que a mobilidade das persoas está limitada e sempre suxeita aos requirimentos da normativa sanitaria.

Dopico comentou neste senso que a COVID-19 truncou o elevado ritmo de afluencia de público á Domus do Mitreo, un dos enclaves máis visitados do prolífico patrimonio romano que agocha a capital luguesa, outrora Lucus Agusti. Aínda así, as estatísticas de visitantes computadas durante o último semestre, constatan que o interese que esperta este xacemento romano non desapareceu por mor da pandemia.

Fluxo sostible de público

Logo das semanas de peche obrigado trala declaración do primeiro estado de alarma e o confinamento, o Museo Universitario A Domus do Mitreo reabriu as súas instalacións ao público a mediados do mes de xuño, data desde a que recibiu 6.190 visitantes ata finais de decembro de 2020. A maioría deste fluxo de persoas rexistrouse nos meses de xullo e agosto, período durante o que preto de 4.500 persoas, máis dun 75% procedentes de fóra de Galicia, se achegaron ata o enclave arqueolóxico situado a carón da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

O público internacional que se achegou ata o Museo Universitario A Domus do Mitreo ao longo do último semestre de 2020 experimentou unha notable diminución respecto ao mesmo período do exercicio anterior para situarse en arredor de 200 persoas, en grande medida polas restricións de mobilidade adoptados co galo da COVID-19. Asemade, o confinamento perimetral que afectou á capital luguesa durante varios meses do outono tamén deparou unha redución do número de persoas que se achegaron ata este xacemento arqueolóxico.

Fronte á obrigada redución de presenza física, o Museo Universitario A Domus do Mitreo atopou na súa web o seu principal escaparate e tamén unha canle de comunicación e intercambio de coñecemento coa sociedade. De feito, desde a posta en marcha desta bitácora virtual, que xa vén de cumprir o seu primeiro aniversario, decenas de miles usuarios accederon ás entrañas do museo universitario lugués a través da web.

 

The contents of this page were updated on 01.12.2021.