Skip to main content

Filosofía acolle o acto de benvida ás persoas beneficiarias da terceira convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

A recepción de persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exteriores realizouse na Facultade de Filosofía. Foto: Santi Alvite
A recepción de persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exteriores realizouse na Facultade de Filosofía. Foto: Santi Alvite
As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) é un programa da Secretaría Xeral da Emigración que busca facilitar o regreso a Galicia dos mellores expedientes universitarios do estranxeiro
Lugo, Santiago de Compostela

Filosofía acolleu este mércores o acto de benvida ás 150 persoas beneficiarias da terceira convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que iniciarán os seus estudos de mestrado nunha das tres universidades públicas galegas. No acto de benvida, interviñeron o reitor Antonio López, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; ademais das vicerreitoras das universidades da Coruña, Margarita Amor López, e de Vigo, Natalia Caparrini.

Durante todo o día, os asistentes á xornada recibirán información e asesoramento de primeira man sobre cuestións prácticas como a lingua e o sistema educativo no caso de descendentes de galegos procedentes no exterior, e a busca activa de emprego e os programas de apoio ao emprendemento impulsados pola Xunta.

As diferentes charlas e obradoiros serán impartidas por especialistas en cada un dos sectores, dende xuventude ata emprego e promoción económica, e contarán, así mesmo, con testemuñas tanto de profesionais da busca de traballo como de bolseiros pertencentes á primeira promoción das BEME. Dous retornados emprendedores exporán as súas experiencias tanto á hora do regreso a Galicia como de iniciar o seu proxecto persoal e vital, que pretenden servir de guías para os bolseiros.

Expedientes de excelencia
As Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) é un programa da Secretaría Xeral da Emigración que busca facilitar o regreso a Galicia dos mellores expedientes universitarios do estranxeiro a través dunha axuda que sufraga os gastos de matrícula, viaxe e estadía para cursar un mestrado nalgunha das tres universidades públicas galegas. As subvencións oscilan entre os 6.000 e os 11.475 euros en función da duración do máster elixido, que pode ser de 60, 75 ou 90 créditos.

Durante as dúas primeiras edicións, as BEME trouxeron de volta a Galicia 200 expedientes de excelencia, motivo polo que, ante a elevada demanda, o goberno galego incrementou nun 50% o orzamento e o número de prazas para este ano. Non en van, neste 2019 iniciaron o procedemento de solicitude das becas preto de 600 persoas, presentando a súa candidatura 423, das que se seleccionaron finalmente os 150 beneficiarios.

Arxentina, Venezuela, Brasil e Reino Unido son, este ano, os países cun maior número de beneficiarios, dos que 57 cursan os seus estudios na USC, 55 na Universidade de Vigo, e 38 na UDC. Do total, 26 mozos naceron en Galicia e volven agora á Comunidade a seguir cos seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios deste programa pioneiro: facilitar o retorno a súa terra á xuventude galega no exterior.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.