Skip to main content

ADE e Veterinaria defenden o carácter multidisciplinar dos títulos e avogan por conectar co tecido produtivo

Roberto Bande, decano da Facultade de ADE, e Gonzalo Fernández, decano da Facultade de Veterinaria
Roberto Bande, decano da Facultade de ADE, e Gonzalo Fernández, decano da Facultade de Veterinaria
O reitor Antonio López salienta “as razoables solucións achegadas pola USC ante a pandemia provocada pola COVID-19” nos actos de toma de posesión dos profesores Gonzalo Fernández e Roberto Bande como decanos das facultades de Veterinaria e Administración e Dirección de Empresas
Lugo

Os profesores Gonzalo Fernández Rodríguez, da Área de Sanidade Animal, e Roberto Bande Ramudo, do Departamento de Fundamentos e Análise Económica, tomaron este xoves posesión como decanos das facultades de Veterinaria e Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, respectivamente, no marco de dous actos institucionais presididos polo reitor da USC, Antonio López, no que os novos cargos electos defenderon o carácter multidisciplinar das titulacións impartidas nos seus centros universitarios, ao tempo que resaltaron a vontade de estreitar as ligazóns co tecido produtivo, a fin de optimizar o beneficio das posibles sinerxías e intensificar e potenciar a transferencia de coñecementos e resultados de investigación á sociedade.

O reitor da USC trasladou o seus parabéns ao novos decanos, ao tempo que fixo extensible o seu agradecemento a todos os membros da comunidade universitaria pola “razoable solución ofrecida pola USC a unha situación antes inimaxinada, tal e como é  a pandemia provocada pola COVID-19”. Logo de facer unha breve reseña sobre as diversas fortalezas que atesouran as facultades de Veterinaria e de Administración e Dirección de Empresas e cuxa actividade docente e de I+D reportan beneficios á sociedade, ao tempo que reforzan o prestixio e o atractivo da USC, Antonio López sinalou a relevo xeracional e a achega de novas propostas ou ideas de títulos cara á futura revisión do mapa de titulacións no SUG como dous dos retos que debe afrontar a institución académica a curto e medio prazo.

“O relevo xeracional é xa unha realidade na USC, na que cada ano está prevista a xubilación de arredor de medio centenar de docentes, polo que cómpre iniciar na carreira universitaria a persoas e investigadores que permitan este relevo”, dixo o reitor da USC, quen tamén lembrou as políticas de estabilización e promoción do PDI que está a impulsar o actual equipo de goberno, que tamén está a habilitar unhas 45-50 prazas da figura de axudante doutor cada anualidade.

A achega de ideas para o debate e a proposta de novos títulos, xa de grao xa de posgrao, para a inminente apertura das negociacións do futuro mapa de titulacións en Galicia constitúe outra das solicitudes trasladadas polo reitor da USC nos dous actos institucionais que presidiu no Campus de Lugo. López fixo este chamamento á comunidade universitaria en aras a avanzar na mellora e potenciación da calidade da actual oferta formativa impartida pola USC na súa sede luguesa, pero tamén para ampliar o catálogo de títulos con novas propostas conectadas co mercado laboral e que contribúan a dar solucións aos problemas e necesidades que presenta a sociedade.

As palabras de agradecemento aos seus predecesores nos decanatos de Veterinaria, Germán Santamarina, e Administración e Dirección de Empresas, Begoña Barreiro, marcaron tamén o comezo das intervencións dos novos decanos, que, de seguido, e logo de remarcar as fortalezas e potencialidades dos centros universitarios lugueses, aproveitaron a celebración destas sesións protocolarias para expoñer algunhas das necesidades e retos que teñen por diante ambas facultades.

Veterinaria

O decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, reafirmou o compromiso do equipo que lidera, do que forman parte en calidade de vicedecanos os docentes Margarita Rico, María Isabel Quiroga, Luis Quintela, así como José María Alonso, na secretaría académica, coa mellora da formación dos futuros veterinarios, un cometido ao que tamén se pode contribuír desde as tarefas de xestión, dixo.

“Somos conscientes do valor acadado pola Facultade de Veterinaria da USC desde os seus comezos, un éxito debido en gran medida á implicación do seu profesorado e demais persoal de administración e servizos”, afirmou Fernández Rodríguez, para, de seguido, reivindicar que “son necesarios medios humanos e económicos, ademais de instalacións para seguir a desenvolver unha docencia de calidade que responda as expectativas do alumnado e da nosa capacidade docente”.

“O noso encargo é a formación de veterinarios, que desenvolven o seu cometido en múltiples campos: alimentación e seguridade alimentaria, control de enfermidades en animais de produción e fauna silvestre (zoonoses), benestar e saúde animal, desenvolvemento de vacinas... Trátase dunha formación complexa que, en parte é posible, grazas ás posibilidades para realizar prácticas brindadas tanto pola Fundación Rof Codina, na que a Xunta de Galicia forma parte do seu padroado, como pola Deputación e o Concello de Lugo, así como pola colaboración con gandeiros, empresas e institucións”, relatou.

“Cómpre ser creativo e ambicioso para posibilitar a mellora da calidade da formación dos estudantes e tamén as potencialidades de I+D”, sinalou Gonzalo Fernández, quen salientou as vantaxes que reporta á Facultade de Veterinaria a conexión co importante sector produtivo existente en Galicia, ao tempo que apuntou a urxencia de contar cunha granxa de porcino para prácticas do alumnado, porque “debemos estar atentos ás necesidades formativas do estudantado”.

Facultade de ADE

Roberto Bande, que accede ao decanato da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC á fronte dunha candidatura da que tamén forman parte os profesores Jacobo Feás, en calidade de vicedecano, e Sandra Castro, na secretaría académica, fixo referencia á estabilización do PDI da facultade como paso imprescindible para poder acadar dinámicas internas que faciliten a excelencia na docencia e na investigación, especialmente despois da implantación do novo grado en Empresa e Tecnoloxía.

A reorganización de usos do chamado espazo Terra Emprende, unhas dependencias habilitadas co obxectivo de fomentar o emprendemento universitario baseado no coñecemento xerado no Campus de Lugo para outras actividades de formación continua na Facultade de ADE, centra outra das acción previstas polo equipo que dirixe Bande, quen tamén se mostrou sensible respecto da importancia do emprendemento, a través dos programas Argos e Explorer, iniciativas ao abeiro das que os grupos de investigación da Facultade de ADE teñen abertas moitas vías de colaboración con outros equipos do Campus de Lugo.

Como obxectivos transversais e a medio prazo, Bande referiuse na súa intervención a cuestións relacionadas coa proxección da investigación na facultade, a través da participación no Doutoramento Internacional Interuniversitario en Ciencias Sociais e Envellecemento, un programa que o novo equipo decanal considera “estratéxico”, do mesmo xeito que ve vital impulsar a transferencia de resultados da investigación feita na Facultade de ADE cara o sector produtivo da provincia e de Galicia.

A secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, así como das vicerreitoras de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e de Organización Académica, Celia Besteiro; os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinación da sede luguesa para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e de Internacionalización, Cultura, Estudantes e Servizos, Jesús Varela Zapata, ademais do xerente da USC, Xavier Ferreira, foron algúns dos integrantes do equipo de goberno da USC que participaron nos actos de toma de posesión dos novos decanos da Facultade de Veterinaria e ADE, sesións ás que se sumaron tamén nun nutrido grupo de docentes e investigadores do campus lugués.

The contents of this page were updated on 01.21.2021.