As actividades de desconexión tiveron un efecto mínimo na saúde psicolóxica do alumnado durante o confinamento
A través dunha enquisa en liña na que participaron 932 estudantes, un equipo de investigadoras da USC detectou que, na contorna específica das semanas de confinamento estrito por mor da COVID-19, as estratexias de afrontamento que contribuíron cunha maior eficacia a mitigar o impacto psicolóxico do estrés, foron as relacionadas coa aceptación da natureza incontrolable da crise. O estudo constata que enfocarse especialmente nos aspectos positivos da corentena e tratar de tomar medidas para cambiar o que era controlable, así como o establecemento dunha estrutura saudable na vida diaria, foron factores clave á hora de xestionar con eficiencia a pandemia. Asemade, os achados suxiren que investir o tempo en actividades de desconexión ou distracción tivo un efecto mínimo na saúde psicolóxica, e que centrarse nos demais para pedir apoio ou ofrecer axuda mesmo puido incrementar a sintomatoloxía ansióxena.
O equipo de investigadoras da USC, coordinado por Isabel Fraga, profesora do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, identificou a interacción complexa entre os principais estresores aos que estivo exposto o alumnado da Universidade durante as primeiras semanas da pandemia. Tamén se analizaron os esforzos realizados por estes para enfrontar as condicións estresantes, e diferentes indicadores de saúde e de benestar mental; nomeadamente, ansiedade, irritabilidade, depresión, e cambios na saúde mental percibida.
Os resultados deste estudo recóllense no artigo ‘A Study on the Psychological Wound of COVID-19 in Univer- sity Students’, recentemente publicado no número especial Coronavirus Disease (COVID-19): Psychological Reactions to the Pandemic de Frontiers in Psychology. “As estratexias de afrontamento xorden como accións pro activas que poden afectar substancialmente á vivencia da crise, abrindo camiños para a inoculación psicolóxica no medio da pandemia da COVID-19”, constatan as investigadoras. En concreto, promover habilidades de re encadre e rutinas saudables serían formas potencialmente útiles para desenvolver actitudes resilientes entre o estudantado universitario, incluso en situacións de grande incerteza e ante a ausencia de referencias temporais externas.
O proxecto COnVIDa-20
Este estudo forma parte do proxecto “COnVIDa-20”, que xurdiu co obxectivo de axudar a comprender o impacto das medidas de confinamento e de distanciamento social derivadas da pandemia na saúde e benestar dos estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Rexistrado na World Pandemic Research Network (WPRN), os seus principais achados foron presentados no ciclo de videoconferencias sobre a COVID-19 promovido polo Campus da Cidadanía da USC, accesible nesta ligazón. A seguinte fase do estudo centrarase en afondar nas diferenzas de xénero da experiencia psicolóxica do confinamento e no potencial efecto buffer ou amortecedor do apoio social percibido sobre a saúde mental.