Veterinaria impulsa un comité asesor externo para mellorar as competencias do alumnado e a súa inserción laboral
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC impulsa a creación dunha comisión asesora externa que permita ao centro universitario incrementar a conexión co tecido produtivo e demais entidades do sector, a fin de incorporar ao plano de estudos da titulación ou como actividades complementarias materias, disciplinas ou actividades específicas nas que o mercado detecta necesidades de formación ou especialización, ademais de impulsar o desenvolvemento de estadías en prácticas do alumnado e favorecer a inserción laboral dos titulados nos distintos ámbitos e sectores produtivos.
O decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, sinala que a comisión externa de asesoramento do centro universitario lugués nace coa vocación de superar a súa condición de parladoiro consultivo e participativo, a fin de converterse en faro de orientación para o centro universitario lugués e tamén en estrutura de apadriñamento sociolaboral para o seu alumnado e titulados egresados. A nosa Facultade ve neste comité unha oportunidade para mellorar e actualizar o feedback coa sociedade, xa que as súas achegas, propostas e recomendacións, ofrecen ao centro universitario a posibilidade de implementar novas accións e medidas orientadas a reportar solucións ás necesidades previamente advertidas, explica.
A posta en marcha dun comité consultivo externo da Facultade de Veterinaria reportará melloras cualitativas para o centro e tamén vantaxes para o seu alumnado, subliñou Gonzalo Fernández, quen adiantou que a reunión de constitución deste órgano está programada para o mércores 10 de febreiro. A actual conxuntura sociosanitaria provocada pola COVID-19 impide celebrar de xeito presencial esta xuntanza, que se desenvolverá de xeito telemático a través da plataforma Microsoft Teams.
Os temas sobre os que tratará o comité son amplos e abranguen desde un primeiro diagnóstico sobre a actual situación da profesión veterinaria, as súas dificultades e oportunidades, ata as saídas profesionais dos titulados e as súas competencias. As necesidades formativas en estudos de grao, posgrao, así como en programas de especialización e de formación continua e o cometido que debe cumprir o I+D tanto na formación dos veterinarios como na súa posterior profesión, constitúen outros dos temas incluídos na orde do día. Outros dos puntos sobre os que debaterán os integrantes desta comisión externa están relacionadas coa presentación de propostas e ou ideas para atraer aos futuros profesionais cara os segmentos menos clásicos e atractivos, así como con novas estratexias para incrementar a visibilidade da Facultade de Veterinaria de Lugo e mesmo para aumentar a súa conexión cos sectores produtivos e coa sociedade.
Composición do comité
O comité de asesor externo da Facultade de Veterinaria da USC nace coa vocación de ser o máis representativo posible do sector e da profesión. Daquela, entre os seus compoñentes figurarán representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios, da Confederación Empresarial Veterinaria Española (CEVE) e das asociacións nacionais de veterinarios especialistas en pequenos animais (Avepa), Medicina Bovina (Anembe), da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor) e da asociación de veterinarios especialistas en équidos (AVEE).
A Administración autonómica de Galicia participará neste órgano consultivo da Facultade de Veterinaria a través de representantes das direccións xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da de Saúde Pública. A presenza empresarial estará representada por Cooperativas Ourensanas S.C.G (Coren) nun foro, en cuxos debates tamén participará o profesor Javier Guitián, veterinario titulado no Campus de Lugo e que na actualidade desenvolve o seu cometido como docente no Veterinary Public Health Royal Veterinary College da University of London. A ex presidenta da EAEVE e profesora da USC na Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral, e o catedrático da USC e coordinador da Agrupación Estratéxica de Investigación, Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDes), Paulino Martínez, tamén formarán parte deste órgano consultivo.