Skip to main content

O grupo de traballo sobre acuicultura da Comisión Europea aborda o impacto da COVID-19 no sector

Este grupo analizou tamén a dispoñibilidade dos fondos europeos, estatais e rexionais para facer fronte á pandemia. FOTO: Santi Alvite
Este grupo analizou tamén a dispoñibilidade dos fondos europeos, estatais e rexionais para facer fronte á pandemia. FOTO: Santi Alvite
O profesor da USC Sebastián Villasante é o encargado de coordinar o informe sobre os efectos económicos que a pandemia está a ocasionar neste eido
Santiago de Compostela

Sebastián Villasante, profesor e investigador do Departamento de Economía Aplicada da USC, é o encargado de coordinar o informe que a Dirección Xeral de Pesca e Asuntos Marítimos da Comisión Europea (DGMARE) encargou para avaliar os efectos económicos da pandemia no sector. O obxectivo deste documento é coñecer os efectos económicos sobre a produción, os prezos, a rendibilidade, o emprego, así como sobre a saúde e benestar dos traballadores nas plantas acuícolas, e nas medidas de adaptación implementadas polas empresas para facer fronte aos efectos da pandemia por mor da COVID-19.

“O Informe sobre o sector da acuicultura en Europa constitúe unha das principais fontes de información sociodemográfica e económica para o asesoramento científico sobre o desenvolvemento da industria acuícola europea”, explica o profesor Villasante. “Tamén se trata dunha fonte de información que está a ser empregada cada vez máis por parte dos organismos científicos, administracións estatais e institucións internacionais”, engade.

O grupo de traballo sobre acuicultura reuniuse ao longo desta semana coa participación de 37 expertos europeos, membros do Joint Research Centre, a DGMARE e observadores externos. Este grupo analizou tamén a dispoñibilidade dos fondos europeos, estatais e rexionais para facer fronte á pandemia e estudou o deseño de accións estratéxicas para o desenvolvemento do sector a curto e longo prazo.

The contents of this page were updated on 02.05.2021.