Skip to main content

Científicos de Galicia e Portugal avalían o equilibrio entre reducir as taxas de contaxio pola COVID-19 e a reapertura das economías

O equipo afondou na evolución da pandemia durante a primeira onda en Portugal. FOTO: Santi Alvite
O equipo afondou na evolución da pandemia durante a primeira onda en Portugal. FOTO: Santi Alvite
O equipo de investigadores, en base ao estudo da evolución da pandemia no país veciño, desenvolveu un novo modelo matemático co que levar a cabo un “control eficaz da pandemia”
Santiago de Compostela

Investigadores da USC e da UVigo no marco do proxecto de investigación ‘Predico’ (Predición dinámica de escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo), lograron desenvolver un novo modelo matemático co que avaliar como manter o equilibrio entre reducir as taxas de contaxio e a necesidade de reabrir as economías. En base ao estudo da evolución da pandemia no país veciño, os científicos, xunto co equipo do proxecto homólogo que se está a executar en Portugal, desenvolveron un novo modelo matemático co que levar a cabo un “control eficaz da pandemia”.

O artigo ‘Optimal control of the COVID-19 pandemic: controlled sanitary deconfinement in Portugal’, que acaba de ver a luz na revista Scientific Reports, presenta os resultados obtidos logo de aplicar a teoría matemática do control óptimo, en combinación coa análise da rede social Twitter dese país, para axustar a curva portuguesa de infectados. Alberto Pérez Muñuzuri, Alejandro Carballosa, Juan Nieto e Jorge Mira son os científicos da USC que asinan a investigación xunto a Iván Area da universidade viguesa.

O equipo afondou na evolución da pandemia durante a primeira onda en Portugal, un país no que, durante o seu confinamento, concorreron circunstancias de homoxeneidade —a nivel de comportamento poboacional, sen fragmentación territorial e de regulamentacións— e illamento de fluxos de visitantes exteriores. “Estas características, sumadas ao seu relativamente gran tamaño de poboación, fixeron dese país un bo exemplo a analizar”, explican os investigadores. “As políticas de confinamento adoptadas foran ben implementadas e evitaron unha sobrecarga do sistema nacional de saúde portugués”, indican.

Estudo da rede social Twitter

Os autores propuxeron un modelo matemático que axustou a curva portuguesa de infectados, con parámetros corrixidos en base á análise da rede social Twitter do país, para detectar mudanzas na opinión pública ao longo do tempo. A continuación, aplicaron a teoría matemática do control óptimo, coa que determinaron “estratexias que maximicen o número de persoas que poidan retornar á vida normal, minimizando ao mesmo tempo o número de infectados activos, con custos económicos mínimos e garantindo un baixo nivel de hospitalizacións”, explican. Deste xeito, lógrase determinar a intensidade e duración dos períodos de desconfinamento que “permiten manter o número de infectados activos, e consecuentemente de hospitalizacións, por debaixo dun nivel considerado seguro para o sistema nacional de saúde”, engaden.

A teoría do control óptimo é unha rama das matemáticas que ofrece unha ferramenta para abordar o problema de atopar estratexias para deter a transmisión do  SARS-CoV-2. “É unha poderosa ferramenta para deseñar estratexias de control e actuar de maneira óptima nun sistema dado”, sinalan. “Pode axudar ás autoridades sanitarias a comprender, anticipar e mitigar a propagación do virus e avaliar a efectividade potencial de estratexias de prevención específicas”, apuntan.

Cristiana Silva, Carla Cruz e Delfim F.M. Torres da Universidade de Aveiro, Rui Fonseca-Pinto do Politécnico de Leiria,  Rui Passadouro e Estevaõ Soares dos Santos do ACES Pinhal Litoral e Wilson Abreu do Centre for Health Technology and Services Research de Porto completan o resto de asinantes do artigo.

O proxecto ‘Predico’, liderado pola USC, conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España.

The contents of this page were updated on 02.12.2021.