Formación do Profesorado relaciona o abuso das TIC co rendemento académico do alumnado universitario
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC relaciona nunha investigación o uso abusivo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) co rendemento académico do alumnado universitario, segundo se recolle nas conclusións do ‘Estudo epidemiolóxico sobre as adiccións sen substancia no Campus de Lugo: usos e abusos das TIC por estudantes uniersitarios’. Este proxecto, cuxos autores están adscritos ao Grupo de Investigación Educativa Mestura e ao Grupo Galego de Estudos para a Formación e Inserción Laboral (Gefil) da USC, salienta que o manexo (tipoloxías de uso e de contidos) de Internet non está a deparar graves problemáticas entre a comunidade estudantil da sede universitaria luguesa, na que un 11% dos seus membros afirma ter xogado algunha vez diñeiro en webs, aplicacións de xogos de azar ou apostas en liña co obxecto de obter un beneficio económico.
Outros datos salientables deste estudo, elaborado a partir das respostas a un cuestionario dispensado de xeito automatizado a estudantes de grao e posgrao, gardan relación con comportamentos persoais. Así, un de cada catro persoas enquisadas ve en Internet un mecanismo de evasión ante os problemas cotiás. De feito, case a metade do estudantes (48,2%) abandonou nalgunha ocasión as súas obrigas para permanecer conectado á Rede, unha ‘dependencia’ que, segundo o 43,2% do estudantado consultado puido afectar negativamente en ocasións ao seu rendemento académico e ou laboral. Asemade, o 16.5% do alumnado manifesta que “case sempre” se atopa axitado ou preocupado cando non está conectado a Internet.
A investigación sobre as adiccións sen substancia no Campus de Lugo, un traballo no que, entre outros, participaron os profesores Pablo César Muñoz Carril e Carmen Sarceda Gorgoso, permite tamén identificar a existencia dunha tendencia decrecente no uso problemático de Internet conforme aumenta o rendemento académico do alumnado. Así, un terzo dos estudantes recoñece ter dificultades para a desconexión, a pesar das advertencias recibidas da súa contorna.
O estudo, no que estudantes masculinos e de baixo rendemento informan dun maior consumo de contido para adultos, aínda que con medias realmente baixas, revela tamén que o alumando de primeiro curso é o máis activo en redes sociais. Un comportamento máis homoxéneo é o apreciado respecto ás compras na Rede, xa que o 70% do alumnado merca por Internet, mentres que 9 de cada 10 estudantes consumen aplicacións e plataformas de descarga de música e vídeo.
Apostas en liña e nomobia
Os homes desenvolven hábitos de xogo e de apostas en liña en maior medida que as mulleres, segundo conclúen os investigadores, que apuntan que este tipo de prácticas acentúase entre o alumnado maior de 20 anos e con peor rendemento académico. Os autores deste estudo sobre uso das TIC no Campus de Lugo sinalan tamén que o 5% do estudantado consultado presenta un grado de nomofobia (medo a estar moito tempo sen móbil ou Internet) de carácter problemático. As condutas consistentes en ignorar a outras persoas durante unha interacción social polo uso do teléfono móbil, o que se coñece como phubbing, son máis habituais entre o estudantado que a diario permanece catro ou máis horas conectado.
Outros dos aspectos curiosos que revela este estudo é que un terzo dos estudantes está pendente do móbil cando está con outras persoas, o 70% dos universitarios consultados ten o móbil sempre ao seu alcance e consúltao a xeito de rutina. De feito máis da metade dos estudantes ca consultan o dispositivo móbil nada máis erguerse.