Skip to main content

A Aula de Produtos Lácteos da USC promove unha xornada a prol da seguridade alimentaria nos sectores leiteiro e das queixerías

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A sesión formativa, organizada xunto coa empresa Diversey, desenvolverase o 28 de novembro. A inscrición, limitada a 50 participantes, xa está aberta na web da APLTA
Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC organiza en colaboración co grupo empresarial Diversey, líder mundial en solucións para limpeza e hixiene industrial, unha xornada formativa de carácter técnico orientada a mellorar a eficiencia e as garantías de seguridade alimentaria alimentaria nos sectores leiteiro e das queixerías.

Esta acción formativa, que se desenvolverá o vindeiro 28 de novembro nas instalación de que dispón a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC no lugués polígono de Sanfiz, servirá de escenario para a presentación de novas formas de enfoque de aspectos clave na hixiene e na seguridade alimentaria. A xornada permitirá asemade achegar ao público participante un abano de ferramentas configuradas para obter e analizar información que, correctamente relacionada cos datos de produción, facilitará a toma de decisións sobre inversións e solucións técnicas acaídas para incrementar o rendemento na planta láctea.

O prazo de inscrición nesta sesión de formación técnica, para que se ofrece un máximo de 50 prazas, permanece aberto ata o 25 de novembro na web da APLTA, onde, ademais do formulario de matrícula, tamén se pode atopar cumprida información respecto do programa dunha xornada que se desenvolverá en quenda de mañá.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.