Skip to main content

XuvenCiencia e ADE impulsan o emprendemento tecnolóxico en BAC e FP cun proxecto internacional

Gráfico explicativo do funcionamento do kit Fotometrix, de XuvenCiencia
Gráfico explicativo do funcionamento do kit Fotometrix, de XuvenCiencia
Os Ies Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, e Xelmírez II, de Santiago, participan xunto con outros tres centros educativos de Portugal no programa europeo Phereclos, liderado pola Universidade de Porto
Lugo

Un equipo multidisciplinar integrado por representantes do grupo de innovación docente XuvenCiencia e da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do Campus de Lugo da USC participan cun consorcio lusogalaico no proxecto Phereclos (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), unha iniciativa piloto de emprendemento tecnolóxico liderado pola  Universidade de Porto, e no que tamén están implicados dos institutos de ensino secundario Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, así como o IES Xelmírez II, de Santiago, ademais doutros tres centros educativos portugueses, como o son a Porto Bussiness School, a Escola Profissional de Valongo e a Asociaçião Tempos Brilhantes – Escola On.

O obxecto deste programa europeo, que recibe financiamento dunha das convocatorias da estratexia Horizon2020, pasa por promover e desenvolver accións de emprendemento tecnolóxico para alumnado de BAC, STEMBach e de Formación Profesional de Galicia e Portugal. O propósito desta colaboración é que a experiencia nos tres institutos galegos sirva de referencia e poida replicarse e estenderse a través dunha rede en Galicia e España, segundo indica a coordinadora de Xuvenciencia. A profesora da USC Mercedes Novo Rodríguez explica asemade que no equipo transnacional implicado no proxecto Phereclos tamén se integran universidades para nenos/as e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.  

Accións de titoría

O programa Phereclos contempla no seu desenvolvemento varios sub proxectos que implican accións transnacionais como é a acción lusogalaica de titoría educativa transnacional (TEMP), na que participan XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, e cuxa proposta a máxima cualificación posible por parte dos avaliadores.  

As accións previstas neste TEMP galegoportugués do proxecto Phereclos están orientadas a alumnado de bacharelato e formación profesional, ademais de aos usuarios de clubs de ciencia e programa STEMBach. Daquela, ademais dos tres institutos galegos mencionados, en Phereclos participarán estudantes da escola profesional de Valongo, un municipio de 93.000 habitantes no distrito do Porto. O estudantado recibirá este curso uns obradoiros de formación en emprendemento empresarial cuxos contidos serán fornecidos pola Porto Business School e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC. No entanto, o profesorado dos institutos de Lugo, Santiago e Valongo recibirán tamén unha formación sobre os kits de experimentación científica XuvenCiencia para despois utilizalos en obradoiros de experimentación cos seus estudantes.

Os kits de XuvenCiencia escollidos para este cometido son Fotometrix, que permite a análise fotométrica de, por exemplo, a cantidade de proteína dun líquido biolóxico grazas a un fotómetro de peto deseñado por XuvenCiencia, e AquaLab, un sistema de monitorización ambiental baseado nun microcomputador tipo Arduino que aprende a facer un uso sustentable dos recursos hídricos.

O obxectivo consiste en que o alumnado realice un proxecto de emprendemento consistente no desenvolvemento dalgunha idea empresarial de tipo tecnolóxico. Para levalos adiante, o estudantado preuniversitario contará coa supervisión de profesorado e alumnado dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Empresa e Tecnoloxía do Campus de Lugo da USC.

As actividades includídas neste TEMP do proxecto Phercelos, que vén de comezar este mes, completaranse xa durante o vindeiro ano académico co desenvolvemento destes proxectos monitorizados de empresa tecnolóxica e a presentación das mellores ideas a través dor portais web de XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto, da plataforma Escola ON e doutros espazos, como feiras de ciencia. Asemade, está previsto no programa as visitas do alumnado galego a empresas tecnolóxicas ligadas ás investigacións que se desenvolven no Campus de Lugo da USC.

 

Participantes no proxecto Phereclos, na sesión inicial do proxecto
Participantes no proxecto Phereclos, na sesión inicial do proxecto
The contents of this page were updated on 02.17.2021.