Skip to main content

Fundación Dieta Atlántica e Vegalsa-Eroski impulsan esta alternativa culinaria como modelo de alimentación saudable e sustentable

Representantes da Fundación e de Vegalsa participaron no acto protocolario de sinatura. Foto: Santi Alvite
Representantes da Fundación e de Vegalsa participaron no acto protocolario de sinatura. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López, en calidade de presidente da Fundación, e o director xeral da compañía, Joaquín González, asinaron o acordo nun acto celebrado este xoves na Reitoría compostelá
Lugo, Santiago de Compostela

Coa finalidade de unir esforzos na promoción e posta en valor da dieta atlántica como modelo de alimentación saudable e sustentable, a Fundación Dieta Atlántica da USC e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski acaban de asinar un convenio de colaboración. O reitor Antonio López, en calidade de presidente da Fundación, e o director xeral da compañía, Joaquín González, asinaron o acordo nun acto celebrado este xoves na Reitoría compostelá.

A colaboración permitirá a posta en marcha de diversas liñas de actuación conxuntas que permitan divulgar os beneficios deste patrón de alimentación entre a sociedade a través de ciclos de charlas saudables; accións en establecementos da rede comercial de Vegalsa-Eroski dirixidas a provedores, clientes e consumidores; ademais da elaboración de receitarios avalados pola Fundación ou a edición do libro Bases científicas de la Dieta Atlántica no que se reunirán todos os temas postos en común durante o III Simposio Internacional sobre Dieta Atlántica, celebrado o pasado mes de abril.

A dieta atlántica é un ben cultural que ten demostrado as súas propiedades saudables, lembran dende a Fundación homónima. Baséase en produtos de proximidade, con gran consumo de peixe, legumes, lácteos e aceite de oliva, a base de preparacións culinarias sinxelas, especialmente cocidos, vapor, guiso ou brasa, fronte ao fritos. Este é un modelo de alimentación rico en peixes e mariscos. Priman os alimentos de temporada, especialmente os de orixe vexetal, de xénero “brassica”, de acordo aos hábitos de produción e consumo (repolo, grelos e nabizas), ademais de xudías, pementos, cebolas, cenorias, chícharos e allos.

A carne tamén forma parte das bases desta dieta, aconsellando consumila con moderación, optando sempre que poida por carnes magras acompañadas de verduras, legumes ou patacas. Os lácteos tamén se inclúen no decálogo que define as súas bases, ao igual que o aceite de oliva.

Antonio López e Joaquín González, no acto de sinatura celebrado en San Xerome. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 12.09.2019.