En marcha a oitava edición do Curso de Especialización Universitario en Vacinas
A oitava edición do curso universitario de especialización en Vacinas celebrarase ao longo do presente curso cunha carga lectiva de 25 créditos ECTS dirixido a profesionais de Medicina, Enfermaría, Farmacia e outras titulacións do ámbito das Ciencias da Saúde. O reitor Antonio López e o director xeral de Sanofi Pasteur Iberia, Ignacio Sáez-Torres, asinaron o convenio de colaboración que dá soporte ao desenvolvemento deste curso. Na sinatura protocolaria do acordo, estiveron presentes ademais os profesores Agustín Montes e Juan J. Gestal, así como o xerente rexional da compañía biofarmacéutica para a zona norte, Carlos del Giudice.
O curso de especialización de vacinas é unha iniciativa formativa cuxa realización está deseñada para ser compatibilizada co traballo e que, como en anteriores edicións, tivo unha destacada acollida ocupándose as 50 prazas ofertadas con profesionais de titulacións relacionadas coa saúde procedentes de toda España.
A superación das nove materias de que consta permitirá aos asistentes obter o título propio da USC de Especialista Universitario en Vacinas, e ademais os créditos de formación continuada de cada unha das nove materias que se solicitarán ao Sistema Acreditador de Formación Continuada das Profesións Sanitarias do Sistema Nacional de Saúde. En edicións anteriores outorgou un total de 45.2 ao conxunto de materias que conforman o curso.