Skip to main content

A USC participa en Sevilla no debate sobre o ‘MIR educativo’ e os novos modelos de formación e acceso á profesión docente

Inauguración da XVII Asemblea de Decanos/as e Directores/as de Educación, na Universidade de Sevilla
Inauguración da XVII Asemblea de Decanos/as e Directores/as de Educación, na Universidade de Sevilla
As profesoras da USC Carmen Fernández Morante, Beatriz Cebreiro e Carmen Sarceda, entre os asistentes á XVII Asemblea de Decanos e Directores de Educación

As decanas das facultades de Ciencias da Educación e de Formación do Profesorado da USC, Carmen Fernández Morante e Carmen Sarceda Gorgoso, respectivamente, acompañadas da profesora da área de Didáctica e Organización Escolar Beatriz Cebreiro López, participan nos debates sobre o ‘MIR educativo’ e os novos modelos de formación e acceso á profesión docente que se están a celebrar este semana na Universidade de Sevilla, no marco da XVII Asemblea de Decanos/as e Directores/as de Educación, un foro que remata hoxe logo de tress xornadas de relatorios e debates e no que tomaron parte máis dun centenar de responsables de centros universitarios públicos e privados de toda España.

O obxectivo desta asemblea, promovida pola Conferencia de Decanos de Centros con Títulos de Maxisterio e Educación que, na actualidade preside Carmen Fernández Morante, pasa por reflexionar sobre temas referidos aos graos de mestre e demais titulacións universitarias con marcado perfil educativo e ligados coa profesión docente. Daquela, o funcionamento e a consideración dos chamados centros educativos de referencia, a mellora do Prácticum, a importancia doutros perfís educativos (pedagoxía, psicopedagoxía, educación social) e a investigación e innovación educativa como eixes fundamentais do desenvolvemento da profesión docente constitúen, entre outros, algúns dos temas abordados.

A XVII Asemblea de Decanos/as e Directores/as de Educación, un foro inaugurado pola ministra de Educación e Formación Profesional do Goberno de España, Isabel Celáa, serviu tamén de escenario para abordar polo miúdo a futura implementación do chamado ‘MIR educativo’, a fin de mellorar a formación e acreditar a experiencia práctica dos profesionais da educación con antelación á súa incorporación á función docente.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.