En marcha unha nova edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC
Dirixido a toda a comunidade universitaria de calquera área de coñecemento da USC, o Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC mantén aberto o prazo de presentación de propostas da súa décimo sétima convocatoria. Como novidade, nesta edición o concurso está acompañado de Campus de Emprendemento tanto en Santiago, onde xa se celebraron a pasada semana, como en Lugo, onde rematarán este xoves 31 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
O Concurso busca premiar aquelas persoas emprendedoras que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. O prazo para a presentación rematará o 15 de novembro e en total outorgáranse cinco premios de 500 euros, reservando un mínimo de dous para propostas promovidas para mulleres.
O xurado encargado de avaliar as propostas prestará especial atención á viabilidade e factibilidade da idea, carácter innovador, grao de madurez da idea, mercado ao que se dirixe e presenza de políticas de igualdade. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar na web as bases do concurso e o formulario de inscrición.