Skip to main content

Últimas horas para participar na campaña de recollida de material hixiénico ‘Mobilízate contra a COVID-19!’

O alumnado voluntario toma parte na difusión desta campaña. FOTO: Santi Alvite
O alumnado voluntario toma parte na difusión desta campaña. FOTO: Santi Alvite
O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC lanzou un chamamento a toda a comunidade universitaria para que doe ata este venres 26 de marzo kits hixiénicos integrados pon máscaras e xel sanitizante para persoas en risco de exclusión
Santiago de Compostela

No marco do Programa de Voluntariado fronte á COVID-19, unha proposta para promover medidas e actuacións que favorezan a sensibilización de cara ao cumprimento dos protocolos fronte á pandemia, a USC deu un novo paso ao impulsar unha campaña de recollida de material hixiénico dirixida a persoas en risco de exclusión social. A petición do albergue Juan XXIII de Santiago de Compostela, ao que xa se lle fixera entrega a finais do ano pasado de preto de 200 bolsas con máscaras faciais e xel sanitizante, o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) lanzou un novo chamamento á comunidade universitaria, no seu conxunto, para doar este tipo de material.

Deste xeito, e ata o vindeiro 26 de marzo, as persoas que o desexen poden facer entrega nas conserxerías de todas as Facultades, Escolas, Residencias Universitarias, así como na Reitoría e na Casa da Balconada, de kits hixiénicos integrados por unha bolsa con peche tipo zip, tres máscaras e un pequeno bote de xel sanitizante. “A campaña de recollida do ano pasado foi unha experiencia piloto e o éxito do proxecto deu lugar a unha nova solicitude de colaboración por parte do Albergue Juan XXIII, que nos pediu poder trasladala a toda a comunidade universitaria e darlle así maior impacto e obter un maior elevado número de kits, para continuar o seu reparto entre os beneficiarios dos seus servizos e proxectos”, explican dende o SEPIU.

Iniciativa pioneira

O Programa de Voluntariado fronte á COVID-19 naceu para favorecer a maior e continuada sensibilización da comunidade universitaria e promover o cumprimento de medidas de hixiene e comportamentos sociais axeitados contra a pandemia. “Trátase de promover a participación do alumnado de todas as facultades e escolas, así como das residencias e colexios maiores, nun proxecto integral que implique unha máis intensa formación e sensibilización”, apuntan dende o SEPIU. Baixo o lema, ‘Mobilízate contra a COVID-19!’, o alumnado voluntario toma parte na difusión desta campaña de entrega de kits hixiénicos, a cal conforma un paso máis na intención da USC de velar polo adecuado cumprimento das medidas para paliar os efectos da pandemia.

The contents of this page were updated on 03.25.2021.