Skip to main content

A VII Xornada Universitaria Galega en Xénero abordará o impacto da pandemia na traxectoria investigadora das mulleres

Investigadora nun laboratorio tratando fármacos fotosensibles. FOTO: Santi Alvite
Investigadora nun laboratorio tratando fármacos fotosensibles. FOTO: Santi Alvite
Impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica é un dos obxectivos deste foro que se desenvolverá en formato virtual os días 10 e 11 de xuño
Lugo, Santiago de Compostela

A USC será a anfitrioa da VII Xornada Universitaria Galega en Xénero, organizada polas oficinas de igualdade de xénero das tres universidades galegas e que terá lugar os vindeiros 10 e 11 de xuño en modalidade virtual. Este foro constitúe un punto de encontro e reflexión para o persoal docente e investigador que traballa con perspectiva de xénero.

“Nesta sétima edición centrámonos en visibilizar o impacto da actual crise sanitaria, social e económica nos ámbitos da violencia de xénero e da traxectoria investigadora das mulleres; así como a importancia da aposta por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero”, apuntan dende a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC.

Impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica é un dos obxectivos deste foro xunto co intercambio de experiencias entre o persoal docente e investigador que xa integre a perspectiva de xénero na súa práctica docente e/ou investigadora ou quen teña interese en incorporala. Potenciar experiencias innovadoras que inclúan a perspectiva de xénero como un eixe de traballo e promover a creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria son outras das metas que persegue o encontro.

As persoas interesadas en  presentar propostas poden facelo ata o 7 de maio, enviando a comunicación completa aos seguintes enderezos electrónicos, segundo as áreas temáticas: violencias contra as mulleres (oficina.igualdade [at] udc.gal (oficina[dot]igualdade[at]udc[dot]gal)); mulleres, investigación e COVID-19 (igualdade [at] uvigo.es (igualdade[at]uvigo[dot]es)); e perspectiva de xénero na docencia universitaria (oix [at] usc.gal (oix[at]usc[dot]gal)). Realizarase unha publicación dos traballos presentados e defendidos, tanto en forma oral como en póster.

The contents of this page were updated on 05.06.2021.