Skip to main content

A USC avanza no traslado da Facultade de Formación do Profesorado ao campus universitario

O reitor Antonio López, na súa intervención diante do conselleiro de Educación no CEIP Anexa
O reitor Antonio López, na súa intervención diante do conselleiro de Educación no CEIP Anexa
O reitor Antonio López e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinan un protocolo de actuacións orientadas a optimizar as infraestruturas educativas en Lugo que tamén contempla a creación dun novo instituto de ensino público na actual sede que o centro universitario comparte co CEIP Anexa
Lugo

A Xunta de Galicia e a USC impulsan a reorganización das infraestruturas educativas na cidade de Lugo a través dun protocolo de actuacións asinado este luns polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor Antonio López. O acordo contempla o traslado á sede universitaria luguesa da actual Facultade de Formación do Profesorado, cuxas instalacións, que comparten un edificio histórico co CEIP Anexa, acubillarán un novo instituto público de ensino secundario e Bacharelato a partir do curso 2023-24.

A sinatura deste  protocolo constitúe un bo exemplo de colaboración entre as distintas administracións e un paso adiante para mellorar a calidade da docencia e dos servizos do Campus de Lugo, a través de novas dotacións que permitan dar resposta ás necesidades de espazos advertidas desde a Facultade de Formación do Profesorado, e que tamén redundará en beneficio do resto da comunidade educativa non universitaria e da cidadanía luguesa, coa posta en marcha dun novo centro educativo, sinalou o reitor.

Antonio López engadiu que o traslado de Formación do Profesorado da súa actual sede na Avenida de Ramón Ferreiro ao campus de Augas Férreas implicará optimizar o aproveitamento dos espazos existentes no edificio do Complexo Docente, que acolle as escolas adscritas de Enfermaría e Relacións Laborais, ademais da Facultade de Humanidades, ao tempo que implicará a construción en terreos próximos propiedade da Deputación Provincial de Lugo dos módulos necesarios para atender necesidades docentes e do alumnado, ademais de dotar de servizos dalgunhas especialidades como Educación Física.

“Levar Formación do Profesorado para o Campus non restará identidade a ningunha ao resto de facultades e escolas”, precisou o reitor da USC, quen tamén salientou a inxección de vida que suporá inxectar arredor de 1.000 alumnos e alumnas á sede universitaria. Antonio López congratulouse tamén da colaboración institucional que posibilitou este novo impulso ao Campus de Lugo, un cometido do que tamén fai partícipes ao Concello e á Deputación Provincial de Lugo.

Acordo estratéxico

“Hoxe asinamos un protocolo estratéxico para Lugo”, dixo o conselleiro de Educación, para logo engadir que “este acordo fai cidade, xa que supón un impulso a este campus da USC, ao tempo que tamén beneficia ao noso sistema educativo e á cidade de Lugo, que contará cunha gran área educativa no centro de Lugo que permitirá, ademais, dar resposta á alta demanda de prazas de secundaria nesa zona da cidade”.

O desenvolvemento das distintas accións contempladas no protocolo de xestión de infraestruturas educativas asinado entre Xunta e USC “é complexo e require de moitos procedementos administrativos”, recoñeceu Román Rodríguez, cuxo departamento autonómico financiará os custes do traslado de Facultade de Formación do Profesorado.

A nova área educativa no centro de Lugo estará conformada por un colexio (CEIP Anexa) un Centro Integrado de Formación Profesional (o CIFP Politécnico), e tres institutos (os IES Lucus Augusti, Nosa Señora dos Ollos Grandes e o proxectado no espazo ocupado na actualidade pola Facultade de Formación do Profesorado). No corazón desta área haberá un gran espazo dedicado a instalacións deportivas para uso dos devanditos centros educativos.

Representantes políticos e académicos

A sinatura do protocolo sobre infraestruturas educativas en Lugo citou este luns na entrada do CEIP  Anexa un nutrido grupo de representantes políticos e académicos, entre as que estaban a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; o parlamentario autonómico e voceiro do grupo municipal do PP en Lugo, Ramón Carballo. O xerente da USC, Javier Ferreira; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; os decanos das facultades de Humanidades, Gonzalo Fernández, e Formación do Profesorado, Carmen Sarceda, así como a propia directora do CEIP Anexa, Lucía Núñez Saavedra, tamén asistiron ao acto.

 

Román Rodríguez e Antonio López, trala sinatura dun protoloco en Lugo
Román Rodríguez e Antonio López, trala sinatura dun protoloco en Lugo
The contents of this page were updated on 04.05.2021.