A comunidade universitaria, exemplo de solidariedade á hora de doar sangue

Cun total de 798 doazóns de sangue, a USC foi a universidade de maior participación en Galicia neste inicio de curso, no marco da campaña impulsada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para promover as doazóns altruístas nos campus universitarios. Así o constataron este mércores tanto a directora de ADOS, como o reitor Antonio López, quen se achegou á unidade móbil situada nas Facultades de Enfermería e de Ciencias da Educación, para contribuír a esta iniciativa solidaria coa súa propia doazón. Tanto o reitor da USC como a directora de ADOS, Marisa López García, coincidiron en salientar o carácter solidario do alumnado galego que realizou 2.083 doazóns de sangue no transcurso da primeira fase do presente curso académico.
ADOS leva desenvolvendo campañas de doazón de sangue dirixidas de xeito específico ao colectivo universitario da USC dende 1993. Nestes 27 anos de traxectoria solidaria, rexistráronse máis de 80.000 doazóns de sangue entre os campus de Lugo e Santiago de Compostela. “Para ser conscientes da transcendencia desta cifra solidaria, pode sinalarse, como exemplo, que cos compoñentes sanguíneos obtidos destas doazóns pódese axudar a 40.000 doentes que precisan recibir transfusións de glóbulos vermellos tras someterse a unha intervención cirúrxica, ou transfundir plaquetas a máis de 13.000 doentes que loitan por superar un cancro ou unha leucemia”, explican dende a Axencia. “O sinxelo xesto de doar sangue, salva moitas vidas e axuda, cada día, a moitos enfermos ingresados nos hospitais de Galicia a recuperar a saúde”, apuntou o reitor Antonio López.
Ao longo deste mércores, en horario de 10.00 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas, poderán realizarse doazóns diante das Facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación no Campus Norte. Este xoves 8, a Unidade situarase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría en horario de 9.00 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas. Asemade, tamén poderán realizarse doazóns diante da Facultade de Física entre as 9.30 e as 14.30 horas. A Axencia recomenda pedir cita previa no 900 100 828. Os lugares e horarios actualízanse nesta ligazón.
Traxectoria de colaboración
Ambas as dúas institucións veñen desenvolvendo unha longa traxectoria de colaboración dende hai décadas. Neste senso, promover a doazón de sangue altruísta é a meta dun dos dous convenio de colaboración que a USC asinou a semana pasada con ADOS. Deste xeito, promoveranse campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a USC con periodicidade anual, artelladas en dúas fases: unha primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda; de febreiro a abril. O segundo dos acordos permitirá que ADOS subministre ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) mostras sanguíneas procedentes de doazóns de sangue, para posibilitar o desenvolvemento de ensaios in vitro.
Acto sinxelo
Doar sangue constitúe un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario. En xeral, poden doar sangue, as persoas maiores de 18 anos —se xa chegaron aos 65 poden continuar co permiso do seu médico—, con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue como é o caso da hepatite B, hepatite C, sífilis ou SIDA, entre outras. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres veces ao ano; deixando pasar entre cada doazón un mínimo de dous meses.
