A Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social debate sobre educación e cultura ambiental en Formación do Profesorado
A Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS) abordará o reto da transición ecolóxica e as respostas educativas á crise socioambiental na Facultade de Formación do Profesorado , no marco do XXI Congreso Internacional SIPS 2021, un foro promovido polo Grupo de Investigación Pedagoxía Social Educación Ambiental da USC, cuxas sesións presenciais se desenvolverán os días 28 e 29 de outubro e 4 e 5 de novembro no centro universitario lugués, aínda que tamén poderán seguirse en liña través de streaming.
A importancia da educación ambiental como pedagoxía social, a formación da ecocidadanía e da cultura da sustentabilidade, e o debate e a análise de iniciativas e experiencias educativas orientadas cara a transición ecolóxica constitúen algún dos eixes temáticos arredor dos que xira o Congreso Internacional SIPS 2021, cuxo programa tamén inclúe a celebración do XXXIII Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social.
A Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social, que recupera Galicia como sede do seu congreso no vixésimo aniversario da súa constitución, impulsa este foro internacional coa pretensión de alentar a presentación de reflexións e respostas acaídas para que as sociedades do século XXI afronten con garantía de éxito os desafíos que implica conciliar os desiguais procesos de desenvolvemento cos límites físicos da biosfera.
Aceptar o reto da transición ecolóxica e a necesidade de educar noutras formas de vida e de desenvolvemento individual e colectivo desde unha fonda convicción ética e pedagóxica, constitúe outra das premisas dunha sociedade científica, para a que os visibles efectos do cambio climático e a propia pandemia causada pola COVID-19 son, entre outras, claras advertencias da necesidade de reformular as actuais relacións coa biosfera.
Programa e inscricións
O programa do XXI Congreso Internacional SIPS 2021 e do XXXIII Seminario Interuniversitario de Pedagoxía Social está estruturado en diversos relatorios e sesións de presentación de comunicacións que se desenvolverán en quenda de tarde, agás a xornada do 6 de novembro, na que os congresistas presenciais poderán completar a pé un treito do Camiño Primitivo de Santiago ao seu paso pola capital luguesa.
A investigadora da Sociedade Catalá de Educación Ambiental (SCEA) Teresa Franquesa Codinach, abrirá o 28 de novembro a quenda de relatorios cunha intervención sobre educación e cultura da sustentabilidade. A importancia da educación ambiental ante a crise global centrará ao día seguinte un coloquio no que intervirá o profesor da USC Germán Vargas Calleja, xunto con outros tres docentes de universidades de Brasil, México e Canadá.
A xornada do 4 de novembro xirará arredor da educación para a transformación ecosocial, un tema sobre o que falarán Francisco Heras Hernández, da Oficina Española de Cambio Climático; María Sintes Zamanillo, do Centro Nacional de Educación Ambiental; José Manuel Gutiérrez Bastida, do Igurugela Goberno Vasco, e Dolores Limón Rodríguez, da Universidade de Sevilla. A presentación de experiencias de educación ecosocial e un coloquio entre Ferrán Puig Vilar e Carmen Velayos Castelo sobre os límites e posibilidades da formación fronte ao cambio global, servirán de epílogo deste foro.
O prazo de inscrición para tomar parte no XXI Congreso Internacional SIPS 2021 está aberto ata o 30 de setembro. As persoas interesadas en presentar comunicacións neste foro deberán remitilas antes do 30 de abril a través da propia web do evento, que tamén ofrece información respecto de prazos e taxas de matrícula, ademais das instrucións para a presentación de comunicacións.