Skip to main content

A USC e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue mobilizan a comunidade educativa a través do ‘Reto 5000’

Mar Lorenzo, xunto coa responsable de Comunicación de ADOS, destacou o compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este martes
Mar Lorenzo, xunto coa responsable de Comunicación de ADOS, destacou o compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este martes
Esta campaña especial de sensibilización a prol da doazón de sangue achegarase aos campus de Lugo e Santiago o martes 8 de outubro
Lugo, Santiago de Compostela

A USC e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convidaron este luns á participación de todos os membros da comunidade universitaria para que tomen parte activamente no ‘ Reto 5000’, promovido desde a Rede Española de Universidade Saudables (REUS). Este reto ten o obxectivo de acadar, ao longo do martes 8 de outubro, un total de 5.000 doazóns de sangue entre todos os centros universitarios de España que se sumen a esta iniciativa.

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, xunto coa responsable de Comunicación de ADOS, destacou, no transcurso do acto de presentación desta iniciativa, que tivo lugar no Colexio de San Xerome, o compromiso da USC co Reto que se desenvolverá este martes e, en xeral, coas campañas de ADOS pola súa dimensión social e solidaria, ao tratase dun acto de xenerosidade imprescindible ao que a comunidade universitaria nunca deixa de acudir.

Dobre obxectivo

Esta campaña especial, na que toman parte activa as tres universidades galegas, ten un dobre obxectivo xa que, por unha banda, promove e sensibiliza a prol do solidario xesto da doazón e, por outra, supón o inicio de campaña de doazón de sangue por parte de ADOS nas universidades galegas, para o que a Axencia tamén ten o seu propio Reto 5000: superar as 5.000 doazóns de sangue ao longo do presente curso académico 2019-2020 en toda Galicia.

As unidades móbiles de ADOS estarán este martes 8 de outubro, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, fronte ao edificio administrativo, entre as 09:30 e as 14:30 horas, e das 15:30 ás 21:00 horas. Nos Campus de Santiago, as unidades situaranse nas facultades de Enfermaría e Ciencias da Educación, diante da entrada principal, entre as 10:00 e as 14:30 horas, e das 15:30 ás 21:00 horas.

Traxectoria de colaboración

O compromiso da USC con ADOS principiou no ano 1993, coa posta en marcha das primeiras campañas de doazón de sangue e que teñen situado á Universidade como a de maior participación de Galicia, recollendo, no transcurso destes máis de 25 anos, máis de 81.000 doazóns de sangue entre os centros docentes dos Campus de Lugo e Santiago. Nese mesmo sentido, manifestouse Lorenzo Moledo, salientando a sempre excelente resposta coa que cada ano a comunidade universitaria deixa constancia do seu compromiso. A vicerreitora chamou a atención tamén sobre a importancia que teñen as aulas universitarias para ser capaces de formar especialistas e persoal cualificado, pero tamén cidadáns comprometidos e comprometidas coa sociedade.

Pola súa parte, ADOS puxo en valor a colaboración brindada polas tres universidades galegas nesta primeira fase da campaña de doazón de sangue que se prolongará ata o vindeiro mes de decembro, así como unha segunda fase que comprende os meses de marzo e maio do 2020. O obxectivo da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue para a este curso 2019-2020, pasa por superar as 4.601 doazóns rexistradas no pasado ano académico, das cales 1.684 correspóndense con persoas que doaron nos Campus de Lugo e Santiago, sendo a Universidade galega con maior participación.

Desde ADOS, lembrouse a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido educativo, tanto en centros de educación non universitaria como universitaria xa que, para moitos xoves, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue. Ademais, agradeceuse a colaboración brindada polos reitores das tres universidades para levar a cabo tanto a campaña de doazón como o ‘Reto 5000’, ao tempo que fixo un chamamento a todos os membros da comunidade universitaria para que se acheguen a participar activamente nesta solidaria iniciativa.

The contents of this page were updated on 12.16.2019.