Skip to main content

Mellorando a expresión corporal e a motricidade infantil con Luli

‘As aventuras de Luli’ é unha serie de catorce vídeos que con periodicidade semanal subiranse aos perfiles do proxecto en Instagram, Facebook e YouTube
‘As aventuras de Luli’ é unha serie de catorce vídeos que con periodicidade semanal subiranse aos perfiles do proxecto en Instagram, Facebook e YouTube
Alumnado de Ciencias da Educación crea unha mascota que a través de vídeos difundidos en redes sociais, animará aos nenos e nenas, de entre 0 e 6 anos, a que saian ao exterior e recuperen a actividade física que perderon por mor da pandemia
Santiago de Compostela

Frear o sedentarismo en idades temperás é unha das metas que persegue o proxecto EXCORAS (Expresión Corporal e Aprendizaxe-Servizo) desenvolvido por alumando do terceiro curso do grao en Mestra/e en Educación Infantil da USC.  Un total de 45 mozos e mozas que cursan a materia ‘Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal’ neste semestre e que xa cursaron a de ‘Motricidade Infantil‘ no primeiro, impulsan a iniciativa ‘As aventuras de Luli’, serie de catorce vídeos que con periodicidade semanal irán subindo aos perfiles do proxecto en Instagram, Facebook e YouTube.

Nestas pezas audiovisuais, as nenas e nenos, de entre 0 e 6 anos, deberán axudar a que a mascota Luli supere as probas que se propoñen en cada localización dun mapa máxico. “Desta forma, lograrán unha chapa ou insignia en cada lugar no que superen o reto, alcanzando, finalmente, ser as/os mellores Scouts xunto a Luli. Serán as propias familias, as que a partir dun modelo presentado nas redes sociais poidan elaborar as súas propias chapas ou insignias”, explica o profesor Javier Rico, un dos impulsores desta iniciativa xunto co profesor Geno Rodríguez, e que botará andar o vindeiro 29 de abril da man da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos (Arcostilos), así como da Rede de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela. O proxecto está tamén dirixido ao profesorado de centros de Educación Infantil para que poidan empregar o material creado co seu propio alumnado.

Enquisa sobre a pandemia

No marco deste proxecto realizouse unha enquisa a familiares e docentes do alumnado de Educación Infantil que serviu para enriquecer esta iniciativa. En total recolléronse 429 respostas, 350 por parte de familiares e 79 por parte de docentes. Nesta enquisa, preguntábase sobre os efectos que tivo a situación sanitaria actual nos aspectos referidos á comunicación e á expresión corporal dos nenos e nenas, así como o que esperaban ver nas redes sociais para contrarrestar esta situación. Por outra banda, no caso dos docentes preguntouse polos materiais que lles resultarían útiles. Tanto as familias como o profesorado de Educación Infantil, consideran que “a pandemia afectou negativamente a nenos e nenas desta etapa principalmente no que ten que ver coas relacións e interaccións sociais, limitando segundo os docentes a posibilidade de desenvolver actividades de expresión e comunicación corporal”, sinala o profesor Rico.

As actividades que menos realizaron as familias durante o confinamento, foron as vinculadas á comunicación e á expresión corporal, así como xogos de dramatización e mímica. As actividades deportivas e os bailes e coreografías practicáronse algo máis, aínda que nunha menor proporción que outras, de acordo cos resultados da enquisa. Dende o comezo da pandemia, as actividades que menos traballaron os docentes foron a expresión corporal e facial, alén da imitación, é dicir, aspectos claves para a expresión e comunicación corporal. Ademais, no seu día a día recoñeceron que do que menos botan man son das actividades psicomotrices.

“Tamén nos gustaría destacar que as familias consideran que as actividades que máis chamarían a atención do seu fillo/a serían os bailes e coreografías (60,7%), seguidas das actividades deportivas (53,7%), os contos motores (52,8%) e as actividades na contorna (50,7%)”, continúa o profesor Rico.

“Tendo en conta os datos da enquisa que nos indican que as novas tecnoloxías están a ter un gran peso no ocio dos nenos e nenas, queremos darlle un xiro ao emprego que se fai destas e sacarlles un bo e san proveito”, explica. Con esta iniciativa quérese promover que os máis pequenos poidan desenvolverse en aspectos relacionados coa expresión e a comunicación corporal, a motricidade infantil así como propiciar que saian ao exterior e recuperen e actividade física que perderon a raíz da pandemia. As dúbidas sobre o proxecto poden trasladarse a través do enderezo electrónico asaventurasdeluli [at] gmail.com (asaventurasdeluli[at]gmail[dot]com)

The contents of this page were updated on 04.22.2021.