Skip to main content

Adrián González Suárez e Lía Pereira Lappin acadan os números 1 e 5 do PIR 2021

Lía Pereira Lappin acadou tamén a quinta posición. Foto: Santi Alvite
Lía Pereira Lappin acadou tamén a quinta posición. Foto: Santi Alvite
Tres alumnas da Facultade de Farmacia logran situarse tamén entre as dez primeiras do FIR e dous de Medicina, no ‘Top Ten’ do MIR
Santiago de Compostela

O alumno da Facultade de Psicoloxía da USC Adrián González Suárez obtivo a primeira posición nas probas de Formación Sanitaria Especializada (FSE) 2021 correspondentes á súa especialidade e que acaba de dar a coñecer o Ministerio de Sanidade. Alén da boa posición obtida na categoría de Psicólogo Interno Residente (PIR), no que a alumna Lía Pereira Lappin acadou tamén a quinta posición, tres alumnas da Facultade de Farmacia, así como dous da Facultade de Medicina, lograron situarse entre os dez primeiros das súas respectivas especialidades, o FIR e o MIR.

María Puente Iglesias (posto número 6), María Alfonsín Lara (número 8) e Andrea Luaces Rodríguez (número 9) foron as tres alumnas máis destacadas no FIR 2021 (Farmacéutico Interno Residente). Asemade, Joaquín Vila García logrou situarse no posto número 2 do MIR (Médico Interno Residente), mentres que Miguel Rodríguez Iglesias obtivo a posición número 9.

Malia que os resultados son aínda provisionais logo de abrirse un período de reclamacións que está pendente de resolverse, Manuel Lorenzo Diéguez da Facultade de Medicina situouse no posto 19 do MIR, mentres que Tristán Gabriel Sobral Costas logrou a posición número 20.                

The contents of this page were updated on 05.25.2021.